Sánchez acusa o PP de apoiar a Alxeria na súa "presión a España"
Sánchez acusa o PP de apoiar a Alxeria na súa "presión a España"
Feijóo insiste nas críticas e lamenta que "tivera que vir a UE para amañar a desfeita" diplomática do Goberno
Reyes Maroto: "As cousas volven á normalidade"
O Goberno asegura que as relacións con Alxeria volven á normalidade tras comunicar o país magrebí que vai respectar todos os acordos comerciais con España, incluídos os relativos á subministración de gas.
A decisión coñeceuse a última hora de onte venres, tras a viaxe que fixo a Bruxelas o ministro de Asuntos Exteriores español. Esta crise estivo moi presente na campaña das eleccións andaluzas.
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, asegurou este sábado que "as cousas volven á normalidade" con Alxeria tras o comunicado no que a misión diplomática alxeriana, ante a Unión Europea, asegura que ese país respectará os acordos de subministración de gas.
Maroto indicou, a preguntas dos medios, que se trata dunha "moi boa noticia", que como ministra de Comercio valora "moi positivamente", xa que Alxeria é "un país estratéxico desde o punto de vista, neste caso, comercial", pero tamén por "veciñanza e proximidade".
Segundo manifestou, desexa que se recupere a confianza e se volva ao tratado de amizade entre ambos os dous países.
A Unión Europea ameazou este venres a Alxeria con represalias se non reconduce diplomáticamente a relación comercial con España, nunha advertencia que fixo tras a reunión que o ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, mantivo coa Comisión Europea para buscar o apoio de Bruxelas.
O ministro español de Exteriores, José Manuel Albares, asegurou este venres tras reunirse coa Comisión Europea en Bruxelas que a decisión "unilateral" de Alxeria de conxelar as relacións comerciais con España "viola o acordo de asociación" dese país coa Unión Europea.
O presidente Pedro Sánchez acusa o PP de apoiar calquera país que presione a España. E o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, critica a que considera nefasta xestión da política exterior española.