Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez di que non gobernou con Bildu e que o PP apoiou as súas propostas máis veces cós abertzales

Sánchez di que non gobernou con Bildu e que o PP apoiou as súas propostas máis veces cós abertzales

Sánchez recoñeceu o erro cometido coa lei do só si é si

G24.gal 19/06/2023 12:19 Última actualización 19/06/2023 19:05

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, di que nunca gobernou con Bildu. Di que a súa relación co partido independentista foi como a que tería con calquera outro partido e mesmo lembrou que os seus decretos-lei tiveron máis apoios do PP ca dos abertzales, o que non podería interpretarse, dixo, como que estaba a gobernar co PP.

Sánchez fixo estas consideracións nunha entrevista en Onda Cero en que suxeriu que non facilitaría a investidura de Alberto Núñez Feijóo en caso de que o PP fose a lista máis votada e para evitar que Vox entrase no Goberno.

O xefe do Executivo deu un notable á xestión do seu Goberno, recoñeceu que cometeu erros durante o seu mandato, entre eles a lei do 'só si é si', pero asegurou que tentou sempre cumprir coa súa palabra e tratou de ser sincero.

Ao lembrarlle decisións contrarias ao que prometera, como non indultar políticos tras decidir esa medida de graza para líderes independentistas cataláns, asumiu que tivo cambios de posición política nalgúns asuntos de Estado, como no caso de Cataluña.

Asegurou que esta foi unha decisión difícil, pero que adoptou para tentar resolver un problema e que tivo a súa tradución nunha mellora da convivencia.

Respecto á súa promesa de tipificar no Código penal a convocatoria de referendos ilícitos, sinalou que do ocorrido en Cataluña hai que extraer leccións e que o artigo 155 da Constitución é suficiente para facer fronte a situacións como a vivida en 2017.

Tamén se referiu ao acordo para gobernar en coalición con Unidas Podemos tras afirmar con anterioridade que lle quitaría o sono para precisar que nunca deixaría en mans desa forza política ministerios que reclamaban como Facenda ou Enerxía nin tampouco outros departamentos de Estado.

"É evidente que houbo cambios de posición en determinados asuntos, pero os resultados están aí", insistiu antes de subliñar que iso non significa que o fin xustifique os medios.

Sánchez deixou entrever que no caso de que o PP fose a lista máis votada, non facilitaría a investidura de Feijóo para evitar que tivese que pactar con Vox.

Ao lembrarlle que el defendeu en 2019 deixar gobernar a lista máis votada, considerou que, despois do que ocorreu desde entón e de que o PP non respectara esa máxima tras as eleccións municipais e autonómicas, "eses debates pertencen a outra época".

"O PSOE sae a gañar", reiterou tras acusar ao PP de facer "un exercicio de cinismo" ao defender agora que goberne a lista máis votada.

Sánchez cre que a actuación do PP durante a lexislatura defínese en dous conceptos, bloqueo e deslealdade institucional, e considera que practica políticas "trumpistas" ao non cumprir a Constitución negándose a renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, sementar dúbidas de "fraude electoral" o 28M e tratar de "deshumanizar" ao adversario político.

Volveu a reclamar así mesmo debates cara a cara ao líder do PP e queixouse de que exista unha desproporción nos faladoiros dos medios de comunicación entre quen defende as políticas progresistas e as da dereita. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade