Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez chama na ONU a mobilizarse contra os extremismos e as noticias falsas

Sánchez chama na ONU a mobilizarse contra os extremismos e as noticias falsas

Á reunión organizada por Sánchez e Lula acudiron líderes como o presidente chileno Gabriel Boric, o primeiro ministro canadense Justin Trudeau ou o presidente do Consello Europeo Charles Michel

Intervención de Sánchez na ONU en presenza do presidente do Brasil (dereita)
G24.gal 25/09/2024 08:52

O presidente do Goberno español Pedro Sánchez fixo este martes un chamamento na ONU á mobilización e a unir forzas na loita contra os extremismos, as loias e a desinformación, para responderlles coa mesma tenacidade que cre que eles evidencian.

Sánchez organizou xunto ao presidente do Brasil Luiz Inázio Lula da Silva, nas marxes do inicio do novo período de sesións da Asemblea Xeral, unha reunión cunha vintena de líderes para concienciar do problema que implican os extremismos e intercambiar puntos de vista sobre a forma en que se lles debe facer fronte.

O xefe do Executivo lamentou os "ataques sistemáticos da onda reaccionaria" á democracia en todo o mundo aproveitando factores que a erosionan, como a desigualdade, e actuando coa desinformación e a propagación de discursos do odio.

Ante iso defendeu o Plan de Calidade Democrática que o Goberno español aprobou a pasada semana, cunha serie de medidas para loitar contra a desinformación e promover a transparencia e a responsabilidade dos medios de comunicación.

Para Sánchez, a auxe dos movementos ultradereitistas obedece a unha boa coordinación internacional entre os seus promotores e os seus responsables políticos.

"Estamos a enfrontarnos —engadiu— a adversarios poderosos con importantes fontes de financiamento que nutren redes de contacto a escala global".

Lamentou que eses movementos non recoñezan os resultados electorais, neguen a ciencia e o cambio climático, manipulen conceptos como a liberdade e promovan o odio, o racismo e a xenofobia á vez que cuestionan a participación da muller na política e nos asuntos socioeconómicos e tratan de deshumanizar o adversario político.

Foi tras esa serie de reflexións cando propuxo á comunidade internacional que esta fose a primeira dunha serie de reunións sistemáticas para coordinar unha resposta global a esas prácticas.

"Temos que mobilizarnos, temos que traballar xuntos para defender a democracia en todos os foros, en todas as plataformas posibles (...) porque aos inimigos da democracia debemos responderlles coa mesma tenacidade e a mesma coordinación que eles empregan para socavar a democracia", sinalou o presidente do Goberno.

Á reunión organizada por Sánchez e Lula acudiron líderes como o presidente chileno Gabriel Boric, o primeiro ministro canadense Justin Trudeau ou o presidente do Consello Europeo Charles Michel. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade