Sánchez cre que a vitoria de Illa abre "un tempo novo" en Cataluña
Sánchez cre que a vitoria de Illa abre "un tempo novo" en Cataluña
Primeira valoración do presidente do Goberno dos resultados electorais
Para Pedro Sánchez, os resultados en Cataluña demostran que tiña "razón" ao impulsar a amnistía para os condenados polo procés, xa que "a superación de conflitos pasados faise apostando polo perdón e pola xenerosidade", dixo este xoves.
Cre o presidente do Goberno que a vitoria de Salvador Illa "pecha unha década de división e resentimento na sociedade catalá e vai abrir un tempo novo".
Pero o candidato do PSC sabe que non vai ser doado facerse coa Generalitat. Recoñece a "relevancia" de ERC e "respecta" os seus debates internos. Nunha entrevista na Cadena Ser, Salvador Illa cualificou de "moi digno" o comportamento do presidente saínte Pere Aragonès, co que falou en privado.
Pere Aragonès foi o primeiro en caer tras a desfeita de ERC nas urnas. Tras el, Oriol Junqueras tamé anunciou que deixará a presidencia do partido despois das europeas, aínda que aspira a volver no congreso que celebrarán en novembro. "A miña vontade é axudar tanto como sexa posible, sempre que teña o aval da militancia", afirmou en conferencia de prensa.
Quen tamén tenta a ERC é Carles Puigdemont, que insiste en presentarse á investidura. O líder de Junts cre que o seu partido ten "máis opcións" de gobernar en minoría que o PSC.
O PP cre que Puigdemont lle "lanzou un órdago ao PSOE, esixíndolle que deixe caer a Illa e que lle entregue o goberno a Junts", en palabras do seu voceiro no Congreso. Miguel Tellado insta a Pedro Sánchez a que responda a pregunta, a que non a evite e que non espere a contestala ata despois das eleccións europeas.
Para o líder do PSOE, Pedro Sánchez resulta "esperpéntico escoitar os supostos defensores da unidade de España botar en falta nas súas declaracións o procés catalán".