Sanchez Dragó, negro sobre branco
Sanchez Dragó, negro sobre branco
Novelista, poeta, ensaista, cultivou todos os xéneros, ademais de exercer a docencia e o xornalismo en xornais, radio e televisión
De antifranquista e comunista nos seus comezos, pasou a apoiar ao Partido Popular de Aznar e a Vox, de Santiago Abascal
Filólogo de formación, Sánchez Dragó, foi un dos intelectuais máis coñecidos e polémicos do panorama cultural español, recibiu o Premio Nacional de Ensaio (1979) e Premio Planeta (1992), practicou todos os xéneros literarios, e é o autor de máis de corenta obras.
Unha das últimas aparicións públicas do Sánchez Dragó foi no Congreso dos Deputados o pasado 21 de marzo durante a moción de censura en que se presentou como candidato por Vox o economista Ramón Tamames, unha idea que impulsou o propio Sánchez Dragó.
En televisión destacou polo seu programa sobre literatura Negro sobre blanco, dirixido e presentado por el, na canle 2 de TVE, despois en Telemadrid presentou Las noches blancas, entre 2005 e 2012.
Nacido en Madrid o 2 de outubro de 1936, era fillo do xornalista Fernando Sánchez Monreal, asasinado aos 27 anos por un grupo falanxista na Guerra Civil. Sánchez Dragó sempre creu que fora asasinado polo bando vermello, ata que en 1956, cando estivo na prisión de Carabanchel, soubo a verdade.
Licenciado en Filoloxía Románica (1959) e en Linguas Modernas (sección italiano), doutorouse en Letras e foi profesor de instituto en Madrid.
Estivo encarcerado en varias ocasións durante o franquismo por participar en motíns universitarios e pertencer ao Partido Comunista. A principios dos 60 fuxiu de España, ao coñecer que fora condenado a dous anos e catro meses de prisión.
En 1967 impartiu clases no Xapón, na Universidade de Linguas Estranxeiras Gaigo Daigaku e de Historia do Pensamento Español na Imperial de Tokyo, así como na Escola diplomática nipoa.
Entre os anos 70 e 80 foi profesor de Lingua e Historia de España nas universidades de Dakar (no Senegal), Fez (Marrocos), Amman (Xordania), Nairobi (Kenya) e Nacional de Tsukuba (no Xapón).
En xornalismo comezou en 1955 cando fundou a revista poética Aldebarán. A finais dos 60 e principios dos 70 foi correspondente dos diarios El Alcázar, no Xapón, e Informaciones, en Marrocos, e colaborador da RAI e da TV xaponesa NKH.
Posteriormente traballou en Encuentros con las letras (1976-1981, TVE) e dirixiu e presentou o espazo Biblioteca Nacional (1982-83, TVE).
Tamén nos 80 estivo no programa Tauromagia (TVE), foi columnista de Cambio 16 e fundador-director do suplemento literario Disidencias de Diario 16 (1980-83). A finais da década (1989-90) dirixiu en TVE o programa El mundo por montera, sobre temas relixiosos, filosóficos e esotéricos.
Como escritor estaba integrado na xeración do 56 e publicou poesías, ensaios e novelas. Entre os seus ensaios, Gárgoris y Habidis. Una historia mágica de España (1978), pola que gañou o Premio Nacional de Ensaio 1979, que volveu tratar en La España Mágica.
Finalista do Premio Planeta en 1990 coa súa novela El camino del corazón (1990), conseguiuno con La prueba del laberinto (1992).
Influenciado pola cultura e relixións orientais, evolucionou de posicións materialistas ata o idealismo e a espiritualidade nos seus textos. En 1992 sacou La Dragontea. Diario de un guerrero e cinco anos despois, En el alambre de Shiva: La Dragontea 2. Nesa etapa publicou ademais La del alba sería, primeira entrega de Mis encuentros con lo invisible, memorias espirituais, onde reflicte a súa infancia ata os 14 anos.
Tamén foi autobiográfica a recompilación dos seus artigos La Dragontea publicados na revista Época (1994-1997), El camino hacia Ítaca (1998), ou Sentado alegre en la popa (2004), no que aparecen os seus artigos de 1998 a 2000.
Desde 1994 publicou no diario El Mundo e foi columnista do seu suplemento literario La esfera (1996-97). Ademais, colaborou con Onda Cero, COPE e RNE.
En 1997 volveu á dúas de TVE con Negro sobre blanco, cos últimos libros aparecidos e que lle valeu o Premio Nacional de Fomento da Lectura 2000.
Escribiu Carta de Jesús al Papa (2001), unha epístola evanxélica en que expón que a vida de Xesucristo foi máis que discutible e El sendero de la mano izquierda (2002), unha visión da filosofía e a sabedoría oriental.
Tras ser operado do corazón en 2004, escribiu Kokoro, a vida o muerte. Dragó entrevista a Dragó. (2005), unha autoentrevista que é "a crónica dunha viaxe á terra dos mortos, un libro cheo de vida.
Con Muertes paralelas (2006), onde contou a morte do seu pai, gañou o Premio Fernando Lara de Novela.
Agrupou escritos, fotografías, entrevistas e conversacións co seu amigo Antonio Ruiz Vega, en Libertad, fraternidad, desigualdad y derechazos (2007), ano que presentou en Telemadrid Diario de la noche.
Na súa obra Y si habla mal de España... es español (2008) recoñece repartir "leña a torto e a dereito" porque só hai dúas cousas que lle gustan de España, "a lingua e os touros".
Tamén foi autor de Soseki: Inmortal y tigre (2009), Historia mágica del Camino de Santiago (2010), Esos días azules. Memorias de un niño raro (2011), Pacto de sangre: vidas cruzadas (2013) xunto á súa filla Ayanta Barilli, ou La canción de Roldán: crimen y castigo (2015), ano que empezou o seu programa Libros con uasabi (TVE, 2015-17).
En 2023 o escritor foi recoñecido co Premio Castela e León das Letras.
De antifranquista e comunista nos seus comezos, pasou a apoiar o Partido Popular de Aznar e a Vox, de Santiago Abascal, sobre o que escribiu Santiago Abascal, la España vertebrada (2019).
Sánchez Dragó casou catro veces e tivo catro fillos.