Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez e Díaz "acelerarán" a negociación para pechar un pacto este mesmo mes

Sánchez e Díaz "acelerarán" a negociación para pechar un pacto este mesmo mes

Pilar Alegría di que os acordos serán "claros e transparentes", pero elude fixar a posición sobre a amnistía

Nacho Álvarez, do equipo negociador de Sumar, asegura que hai que ser "ambiciosos" en materia de avances sociais e laborais

Feijóo urxe a Sánchez a fixar a investidura e di que Armengol pactou a súa con Moncloa

Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, no Congreso dos Deputados (EFE/Fernando Alvarado)
G24.gal 04/10/2023 11:00 Última actualización 04/10/2023 15:01

Pedro Sánchez e Yolanda Díaz acordaron "acelerar" as negociacións para ter un acordo de goberno de coalición ao longo deste mes de outubro, segundo aseguraron tanto a portavoz do PSOE e ministra de Educación, Pilar Alegría, e o secretario de Estado de Dereitos Sociais e negociador por parte de Sumar, Nacho Álvarez.

Alegría e Álvarez compareceron despois de que o presidente do Goberno en funcións e a líder de Sumar e vicepresidenta segunda mantivesen unha reunión dun pouco máis dunha hora no Congreso, unha vez que Sánchez aceptase este martes o encargo do rei para tentar formar Goberno.

Álvarez, desde o Congreso, asegurou que aínda que nestes dous meses que levan falando avanzaron, aínda está pendente chegar a un entendemento en cuestións clave para Sumar, como son os avances en materia social e laboral, por exemplo na redución da xornada laboral, no impulso dun novo Estatuto de traballo "do século XXI que regule o despedimento", e na mellora da conciliación.

Sumar non contempla outro escenario que o acordo co PSOE, pero incidiu en que non vale "calquera Goberno", senón que hai que ser "ambiciosos" e avanzar aínda máis en referencia a eses temas.

Aínda non se tratou a composición dese eventual executivo nin que nomes poderían estar, que se prevé falar máis adiante e en paralelo á negociación do acordo de goberno, pero cando este estea xa encarrilado. 

Álvarez tamén asegurou que no encontro se falou sobre a "amnistía", un asunto sobre o que ambas as formacións non teñen "discrepancias".

Respecto a iso Alegría, quen estaba en Huesca nun acto do PSOE, eludiu concretar unha posición. Dixo que todos os acordos serán "claros e transparentes" e que a intención dos socialistas é "dar resposta aos resultados electorais do 23 de xullo" cando os cidadáns dixeron que "querían seguir nesa senda de progreso, crecemento e convivencia que despregamos nesta última lexislatura".

Si foi máis contundente sobre a posibilidade dun referendo de autodeterminación e expresou o seu rexeitamento, como xa fixera Sánchez na véspera.

O encontro entre Sánchez e Díaz tivo lugar nunha sala do Congreso dos Deputados, xa que, segundo o presidente do Goberno, a sede parlamentaria debe ser o lugar que acolla os contactos. Tamén alí manterá o resto das xuntanzas previstas a próxima semana co resto dos grupos, non sendo Vox, con quen non haberá contactos.

Pilar Alegría anunciou os nomes das persoas que levarán a negociación con Sumar e co resto dos partidos por parte do PSOE. Amais de ela mesma, serán María Jesús Montero, vicesecretaria xeral do PSOE e ministra de Facenda; Santos Cerdán, secretario de Organización; Félix Bolaños, ministro da Presidencia; Hana Jalloul, secretaria de Política Internacional e Cooperación do PSOE; Óscar Puente, deputado e voceiro socialista na investidura de Núñez Feijóo; e Xosé Ramón Gómez Besteiro, posible candidato do PSdeG á Xunta.

Feijóo urxe fixar a investidura e di que Armengol pactou a súa con Moncloa

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, urxiu este mércores a Pedro Sánchez a sinalar hoxe a data da súa investidura, despois de que a el lle deran "24 horas" para fixar a súa, e desvelou que a "militante" presidenta do Congreso, Francina Armengol, "falou" con Moncloa antes de decidir cando sería.

Así o asegurou Feijóo en Onda Cero, onde explicou que foi Armengol quen lle suxeriu a data do 26 de setembro e que el a asumiu como "un deputado disciplinado".

"E a partir de que asumo o que me propón a presidenta do Congreso, o PSOE durante un mes di que perdín o tempo", denunciou e engadiu que mesmo Sánchez criticou "o mes da marmota de Feijóo" e, con todo, "agora resulta que non hai prazo".

O líder do PP lamentou ademais a "anomalía democrática" que supón o feito de que a investidura do novo presidente do Goberno dependa dunha persoa "en busca e captura" polo Tribunal Supremo.

Incidiu en que "a amnistía é o prezo que vai pagar Sánchez por ser presidente do Goberno" e aventurou que, se finalmente consegue o apoio de Carles Puigdemont, haberá "anos de enorme inestabilidade e debilidade" nun goberno que se terá que poñer de acordo con 18 partidos políticos para "aprobar algo".

Na súa opinión, "nunca un político mentiu tanto en tan pouco tempo", e subliñou que a Sánchez "non o votaron para que minta".

As bases do Consello da República votarán se o independentismo debe "bloquear" a investidura

Os afiliados do Consello da República votarán nunha consulta telemática se os partidos independentistas deben "bloquear" a investidura do próximo presidente do Goberno.

A pregunta, impulsada por un dos afiliados do Consello, cuxa identidade non transcendeu, someterase a votación entre os días 17 e 23 de outubro, e terán dereito a voto todos os rexistrados no organismo.

"O Consello da República debe promover o bloqueo á investidura do presidente do Estado español por parte dos partidos independentistas cataláns?", indica a pregunta que deberán responder os afiliados, segundo figura no boletín do Consello.

Liderado desde Bélxica por Carles Puigdemont, o Consello pola República ten por labor difundir o proceso soberanista no exterior e está formado pola Asemblea de Representantes -unha sorte de parlamento paralelo- e o propio Govern do Consello.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade