Sánchez exhibe as cifras de emprego e Moreno Bonilla propón medidas contra o cambio climático
Sánchez exhibe as cifras de emprego e Moreno Bonilla propón medidas contra o cambio climático
Pedro Sánchez sinala o récord actual de persoas ocupadas tomando como referencia os últimos quince anos
Moreno Bonilla oponse a que a esquerda "pretenda patrimonializar" a loita contra o cambio climático
O PSOE reivindica a xestión fronte ao que cualifica como crispación da oposición. Pedro Sánchez estivo hoxe en Almería apoiando a Juan Espadas e alí reivindicou as políticas sociais do executivo. Fixo un repaso global, desde os ERTE na pandemia ata as axudas prorrogadas para frear a inflación, con mención especial para os datos de emprego:
"Que España lograra bater todo os récords de emprego dos últimos quince anos cunha pandemia e cunha guerra di moi boas cousas de España, di algunha cousa boa tamén do Goberno de España e non di nada bo dunha oposición que con tal de negarse, nega a realidade e di que estes datos de emprego son falsos".
O candidato do PP, Moreno Bonilla, presentou o seu programa contra o cambio climático. Pasa por potenciar as enerxías renovables con obxectivos concretos, a repoboación forestal e paliar o déficit hídrico con desalgadoras e microtransvasamentos. Moreno Bonilla cuestionou o intento dos socialistas de "patrimonializar" as políticas ambientais:
"As políticas de igualdade son políticas de Estado, non son dun partido político e teñen que ser de Estado, igual que a bandeira é de todos, igual que as políticas medioambientais son de todos. Son políticas de Estado. Desgraciadamente, estamos acostumados a que por parte do Goberno de España e por parte do partido socialista aquí nos anos anteriores falaron moito de medio ambiente, pero fixeron moi pouquiño".