España recoñecerá Palestina como Estado o 28 de maio xunto a Noruega e Irlanda
España recoñecerá Palestina como Estado o 28 de maio xunto a Noruega e Irlanda
O presidente do Goberno anunciou no Congreso que España aprobará este recoñecemento "por paz, xustiza e coherencia"
Israel chama a consultas a súa embaixadora en España, igual que fixo xa cos seus representantes en Irlanda e Noruega: "Decidiron conceder unha medalla de ouro aos asasinos de Hamas"
Feijóo non comparte recoñecer agora a Palestina como Estado: "A prioridade son os reféns e o cesamento do fogo"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este mércores que España procederá ao recoñecemento de Palestina como Estado o próximo 28 de maio no Consello de Ministros.
Sánchez desvelou a data na súa comparecencia ante o pleno do Congreso convocada para informar, entre outros asuntos, dos seus contactos con outros líderes para solicitar apoios ao recoñecemento de Palestina e na que dixo que asume as consecuencias que poida ter esta decisión.
O xefe do Executivo explicou que esa decisión foi acordada entre os dous socios do Goberno e facéndose eco do sentir maioritario dos cidadáns españois.
Tras ratificar o seu convencemento de que a única solución posible para o conflito en Oriente Medio é a coexistencia de dous Estados, Israel e Palestina, subliñou que España vai facer ese recoñecemento por tres razóns: por paz, por xustiza e por coherencia. "É o correcto", insistiu.
O presidente explicou no pleno que este recoñecemento non é contra ninguén, "non é contra o pobo de Israel, un pobo ao que respetamos e apreciamos, e moito menos é un recoñecemento contra os xudeos, un pobo admirable" ; "tampouco o é en favor de Hamás, como din os propagandistas de Netanyahu e deputados do PP e Vox", indicou.
Pedro Sánchez criticou a aqueles que "demonizan" as manifestacións estudantís en contra do masacre cometido en Gaza por Israel. Ao seu xuízo, estas manifestacións son "valentes, lexítimas e admirables".
O presidente dixo que deu conta desta decisión tanto ao rei, como ao secretario xeral da ONU, Antonio Guterres; e aos presidentes do Consello e a Comisión europeos, Charles Michel e Ursula von der Leyen, respectivamente.
Tamén salientou a serie de contactos que mantivo nos últimos meses con outros líderes internacionais e o feito de que nestes días e nas próximas semanas vaia haber outros países que recoñezan tamén a Palestina como estado.
Sánchez cre que cantos máis países recoñezan o estado Palestino, máis forza haberá para impoñer un cesamento do fogo e conseguir a liberación de reféns israelís en mans de Hamas. "O recoñecemento non é o final. É só o principio, e imos seguir metendo presión á comunidade internacional".
"O prioritario é entregar os reféns e o cesamento do fogo", asegura Feijóo
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, non comparte que España recoñeza agora a Palestina como Estado porque o prioritario é "entregar os reféns, o cesamento do fogo, a axuda humanitaria e evitar que se recrúe a escalada". Unha vez conseguido isto, asegura, "falemos dunha solución de paz e convivencia duradeira de dous Estados democráticos e de liberar a Palestina de Hamas".
O líder da oposición acusou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de recoñecer a Palestina como Estado agora como fórmula para "falar doutra cousa que non sexa a trama do PSOE" e porque cre que "pode dividir os españois" e saír beneficiado. Segundo dixo, debería darlle "vergoña" mesturar "a tráxica situación que vive Oriente Medio cos casos de presunta corrupción que afectan o seu Goberno".
Israel chama a consultas a súa embaixadora en España
O recoñecemento de Palestina como Estado foi unha decisión adoptada conxuntamente por España, Noruega e Irlanda para lograr, segundo Dublín, unha "paz permanente" entre israelís e palestinos.
Israel tomou xa medidas contra estes tres países. O ministro de Exteriores hebreo, Israel Katz, ordenou chamar a consultas a embaixadora israelí en España, Rodica Radian-Gordon, e convocou no Ministerio a súa embaixadora española, Ana Solomon, igual que fixo previamente cos seus representantes en Oslo e Dublín.
"Decidiron conceder unha medalla de ouro aos asasinos de Hamas que violaron nenas e queimaron bebés", denunciou o ministro israelí.
Katz pediu expresamente que, cando os respectivos embaixadores acudan ao Ministerio se lles mostre "o horrible vídeo" do ataque perpetrado por Hamas o pasado 7 de outubro contra Israel para que entendan o "retorcido" da decisión que tomaron os seus Gobernos. "Israel non quedará en silencio: o seu paso terá graves consecuencias", indicou.
Esta é a segunda vez que Israel chama a consultas a súa embaixadora en Madrid, tras facelo o pasado 30 de novembro despois de que Sánchez cuestionara nunhas declaracións que o Exército israelí estivese a actuar conforme ao dereito Internacional na súa ofensiva na Franxa de Gaza. A embaixadora non regresou ao seu posto ata principios de xaneiro.
O presidente palestino celebra a decisión adoptada por España, Noruega e Irlanda
O presidente palestino, Mahmud Abás, celebrou este mércores o recoñecemento do Estado palestino por parte de España, Irlanda e Noruega, decisión que formalizarán o próximo 28 de maio.
A decisión contribúe á "consagración do dereito do pobo palestino á autodeterminación na súa terra e á adopción de medidas reais para apoiar a implementación da solución de dous Estados", indicou un comunicado de Presidencia da Autoridade Nacional Palestina (ANP).
Para Abás, o anuncio adoptado polo Goberno de Pedro Sánchez reflicte "a vontade de España de apoiar ao pobo palestino e os seus dereitos inalienables e lexítimos á súa terra e á súa patria"; de Irlanda e Noruega encomiou que ambos os países apoiaron "firmemente os dereitos do pobo palestino nos últimos anos e votou a favor destes dereitos nos foros internacionais".
O presidente palestino insta todos os países do mundo, "especialmente aos europeos", a aprobar este recoñecemento. De momento, nove países europeos xa o fixeron: Bulgaria, Polonia, República Checa, Romanía, Eslovaquia, Hungría, Chipre, Malta e Suecia; así como case todos os países árabes ou os historicamente vinculados ao movemento non aliñado.