Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez insta a non cultivar o agravio territorial que levou á crise do procés

Sánchez insta a non cultivar o agravio territorial que levou á crise do procés

O presidente do Goberno dixo que seguirá coa súa folla de ruta para tentar sacar adiante os orzamentos

Sánchez pide reconsiderar os aranceis de Europa ao coche eléctrico chinés e pide non entrar en "guerras comerciais" logo das posibles sancións ao porcino español expostas polo goberno do país asiático

Pedro Sánchez, na súa visita á China Pedro Sánchez, na súa visita á China
G24.gal 11/09/2024 09:02

O presidente do Goberno Pedro Sánchez instou a non cultivar o agravio territorial e a confrontación entre comunidades autónomas a conta do financiamento autonómico, porque iso, na súa opinión, é o que levou á situación de 2017 co procés en Cataluña.

Sánchez fixo esta petición na conferencia de prensa que ofreceu na China ao termo da súa viaxe ao país asiático ao preguntárenlle polas críticas de dirixentes socialistas ao acordo con ERC sobre o financiamento de Cataluña.

Ante iso, lembrou o ano "aciago" de 2017 en Cataluña e pediu extraer conclusións dese momento tan difícil, entre elas, non alimentar o agravio territorial e a confrontación entre comunidades autónomas.

"Iso é o que está a facer o Goberno de España con resultados eu creo que evidentes, con medidas difíciles como as que tomamos cos indultos e tamén coa lei de amnistía, pero aí están os froitos", engadiu.

Cre que a sociedade catalá está a apoiar maioritariamente estas políticas e o proxecto de país posto en marcha hai seis anos.

"Eu son un firme convencido de que o que é bo para Cataluña é bo para o conxunto do país e o que é bo para o conxunto do país é bo para Cataluña", recalcou Sánchez.

Por iso rexeitou a dialéctica de que o que é bo para unha comunidade autónoma é malo para o resto, xa que insistiu en que iso foi o que levou a 2017 e el non quere repetir ese camiño.

Ao fío diso sinalou que, "afortunadamente", Salvador Illa está este 11 de setembro á fronte da Generalitat e aposta pola convivencia entre cataláns e pola integración de Cataluña no proxecto común de España. 

Confía en sacar adiante os Presupostos

Ademais, Sánchez insistiu en que confía en sacar adiante os orzamentos do próximo ano porque é a súa ambición logralo, e lembrou que o Consello de Ministros aprobou este martes de novo o teito de gasto. 

Asegurou que o Executivo ten o máximo respecto aos grupos parlamentarios, pero ao mesmo tempo reiterou que está determinado a seguir adiante coa súa folla de ruta nesta lexislatura. Fixo estas consideracións en resposta á pregunta de que quixo dicir ante o Comité Federal do PSOE o pasado sábado cando afirmou que pensa seguir adiante nesta lexislatura con ou sen concurso do poder lexislativo.

Reconsiderar os aranceis ao coche eléctrico chinés

Na súa comparecencia na China, Pedro Sánchez mostrouse partidario de reconsiderar a posición dos Estados membros da Unión Europea e tamén da Comisión Europea sobre os aranceis ao coche eléctrico chinés.

"Creo que todos nós necesitamos reconsiderar a nosa posición" sinalou. Así, pediu ser "construtivos" e buscar unha solución que pase por un compromiso entre a UE e A China.

"Non necesitamos outra guerra, neste caso unha guerra comercial", engadiu Sánchez, que tamén expresou ás autoridades chinesas a súa "sorpresa" polas posibles sancións ao sector do porcino español neste conflito comercial do automóbil eléctrico.

"As guerras comerciais non interesan a ninguén e creo que a poboación chinesa e o goberno chinés son moi conscientes do valor que ten o sector porcino, así que imos seguir traballando por tender pontes", indicou.

Nesta mesma liña, ao ser preguntado sobre se despois da súa viaxe pode enviar unha mensaxe de tranquilidade ao sector porcino español, di que a negociación continúa aberta pero "pode ter a garantía de que o Goberno de España vai defender os seus intereses".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade