Pedro Sánchez nega que mantivese un pacto de Goberno con EH Bildu
Pedro Sánchez nega que mantivese un pacto de Goberno con EH Bildu
Feijóo asegura que, se chega á Moncloa, revisará as leis en que o voto dos abertzales foi decisivo
Este luns, Pedro Sánchez sacou peito da lexislatura durante unha entrevista en Onda Cero. O presidente do Goberno púxolle "un notable" á "folla de servizos deste goberno". Recoñece, por outra banda, que tivo "cambios de posición política nalgúns asuntos" como cos indultos aos independentistas cataláns.
En canto a EH Bildu, o xefe do executivo nega un pacto de goberno cos abertzales. "Non gobernamos con Bildu, porque non hai ministros de Bildu no Goberno de España, non tivemos un acordo de Goberno con Bildu porque non hai un acordo de lexislatura con Bildu" asegurou, ao tempo que cinguiu a relación a "acordos puntuais sobre leis concretas".
Ao mesmo tempo, nun acto público, o presidente do Partido Popular comprometíase a "revisar unha a unha cada unha das leis e medidas nas que voto de Bildu foi decisivo", se chega á presidencia.
O intercambio de reproches entre os dous candidatos incluíu tamén os pactos con Vox. O PSOE cre que o PP gobernará cos de Abascal se fixese falta. Para Pedro Sánchez, os dous partidos manteñen unha "relación estratéxica" para "gobernar España".
Os populares, pola súa parte, volven pedirlle aos socialistas que se absteñan na investidura en caso de que a súa sexa a lista máis votada. Para Alberto Núñez Feijóo, esta opción "sería posible se o PSOE cambia de secretario xeral", pero, na súa opinión, "con este secretario xeral, cos seus actos, coa súa biografía política", entende que "non é posible".
Un e outro tamén se referiron a Irene Montero, o presidente do Goberno marcando distancias con ela. "Son públicas e notorias as discrepancias que tiven coa ministra de Igualdade", dixo Pedro Sánchez. Para Alberto Núñez Feijóo, "este veto a Irene Montero acredita o cainismo do populismo en España".