Sánchez non descarta ningún voto para validar a reforma laboral
Sánchez non descarta ningún voto para validar a reforma laboral
O presidente do Goberno asegura que a estabilidade da lexislatura está garantida
O presidente do Goberno confía en que a reforma laboral saia adiante con todos os votos posibles. Pedro Sánchez asegura que a estabilidade da lexislatura está garantida malia que os seus socios de investidura non validen mañá a norma.
Visita oficial aos Emiratos
O xefe do Executivo facía estas declaracións dende os Emiratos Árabes Unidos, onde está de visita oficial. Pedro Sánchez visitou o pavillón de España na expo de Dubai, e ten previsto reunirse co príncipe herdeiro de Abu Dhabi, onde vai asinar varios acordos comerciais.
Ao preguntarlle pola posibilidade de reunirse co rei Xoán Carlos, que reside no país dende hai ano e medio, o presidente do Goberno descartouno e asegurou que a misión da súa viaxe é económica.
Díaz insta a ERC a negociar con seriedade
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, insta a ERC a negociar "con seriedade" porque "hai tempo" e defendeu que o Goberno si lles presentou propostas, respectando o acordo do Diálogo Social, que os republicanos non responderon.
"Como saben este Goberno non se levanta nunca dunha mesa. Hai tempo e o tempo non é unha escusa", incidiu tras participar na sesión de control ao Goberno no pleno do Congreso.
ERC mantense no non tras sinalar o seu portavoz parlamentario, Gabriel Rufián, esta mañá que non haberá un "trágaa" porque o Executivo non se move das súas formulacións.