Sánchez pide apoio e unidade para sacar adiante o plan contra a crise provocada pola guerra de Ucraína
Sánchez pide apoio e unidade para sacar adiante o plan contra a crise provocada pola guerra de Ucraína
Sánchez pide apoio e unidade para sacar adiante o plan contra a crise provocada pola guerra de Ucraína
A crise aberta entre o Goberno e os socios parlamentarios podería ter consecuencias no plan de choque para paliar as consecuencias da guerra de Ucraína que se vota este xoves no Congreso
Sánchez lembrou que en só tres meses o plan que se votará esta semana no Congreso destinará 6.000 millóns a axudas e haberá outros 10.000 millóns que se activarán mediante créditos ICO
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, confía en lograr esta semana no Congreso "o maior dos acordos posibles" entre os grupos para protagonizar un "exemplo de unidade" apoiando a validación do real decreto coas medidas do plan contra a crise provocada pola guerra de Ucraína.
Sánchez reclamou ese apoio na clausura da entrega dos VIII premios Cepyme, á que asistiu tamén a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz. O xefe do Executivo resaltou os esforzos de España para superar a pandemia e facer fronte agora á crise derivada da guerra en Ucraína e puxo en valor o traballo do Goberno para iso.
"O Goberno, non lles caiba dúbida, escoitou aos sectores afectados, aos grupos parlamentarios, ao resto de administracións públicas e aos axentes sociais", afirmou.
Por iso confiou en que cando se vote esta semana no Congreso a validación do real decreto con ese plan se poida lograr "o maior dos acordos posibles". "Ese acordo será tamén un exemplo de unidade importante neste momento de tanta incerteza e desacougo en moitísimos cidadáns que viron como se superpuxo á crise da pandemia a crise provocada pola guerra en Ucraína e os seus efectos económicos e sociais", recalcou.
Sánchez lembrou que en só tres meses o plan que se votará esta semana no Congreso destinará 6.000 millóns a axudas e haberá outros 10.000 millóns que se activarán mediante créditos ICO. Esa é unha mostra ao seu xuízo de que o Goberno traballou con "afán e determinación" en España e na UE para facer fronte a esta nova crise.
Sánchez asumiu que non se sabe cando concluirá a guerra en Ucraína e a crise que implica, pero precisou que a economía española resiste o golpe mellor que outras economías desenvolvidas como cre que queda patente nas previsións do Fondo Monetario Internacional.
O crecemento económico, a creación de emprego, a mellora do sector do turismo e a execución dos fondos europeos dixo que son factores que contribúen a que a economía española poida ver con optimismo o futuro.