Sánchez pide perdón polos efectos indesexables da lei do "só si é si"
Sánchez pide perdón polos efectos indesexables da lei do "só si é si"
Di que o PSOE non contempla "baixo ningún escenario" gobernar con EH Bildu pero si chegar a acordos puntuais
Asegura que os presidentes da cornixa cantábrica o teñen "ao seu lado" na defensa do Eixo Atlántico ante Francia
O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, pediulles perdón ás vítimas polos "efectos indesexables" da lei do só si é si, aos que, segundo asegurou, vai poñer "unha solución".
Sánchez, que este sábado visitou Bilbao, trata nunha entrevista cos xornais do grupo Vocento da reforma desta lei, tras a rebaixa de penas dun milleiro de condenados e a posta en liberdade dun cento de agresores sexuais.
"Creo que ningún deputado, incluso os que votaron en contra desta lei, está a favor de rebaixar as penas. Por tanto, pido perdón ás vítimas e imos poñer unha solución para estes efectos indesexables", afirma.
Lei de vivenda
Respecto ao recente acordo sobre a lei de vivenda, sinala que o obxectivo é "converter a vivenda pública nun dereito e non nun problema, comprometendo a administración na construción masiva de vivenda pública".
Considera, por outra banda, "inaceptable" que se mesturen vítimas do terrorismo con presos como ocorreu en páxinas web dalgúns concellos vascos e explica que, como Administración, primeiro está a facerse "un requirimento".
"E no caso de que esta situación non se corrixa, evidentemente interpoñeremos un recurso", avisa.
Asegura, doutra banda, que o PSOE non considera "baixo ningún escenario" gobernar con EH Bildu e di que ao seu partido "sepárao un abismo" da coalición abertzale, aínda que especifica que unha "cuestión distinta é que puntualmente nos poidamos entender para avances sociais".
Corredor atlántico
O presidente considera, en cambio, que "hai unha relación non só histórica, senón estratéxica co PNV" que non ten con Bildu. Tamén subliña que o lehendakari, Íñigo Urkullu, e os presidentes da cornixa cantábrica o teñen "ao seu lado" na defensa do eixe atlántico ante Francia.
"Imos cumprir os nosos compromisos antes de 2030 para que ese corredor sexa unha realidade", afirma.
Alianzas do PP con Vox
Sánchez afea tamén a actuación do PP
"Pactaron o primeiro goberno de coalición coa ultradereita en Castela e León; pasaron do ‘non’ á abstención na moción de censura e acabamos de ver en Doñana, que a pesar de ter maioría absoluta, converxen con Vox para perpetrar esta agresión", censura.
Ao seu xuízo, "hai un gran risco de que despois do 28-M se formen gobernos do PP con Vox que van face involucionar as sociedades".
Doutra banda, Sánchez valora que a economía "está a sorrir a España por riba da media europea". Tamén falou do traslado da sede de Ferrovial aos Países Baixos.
"(Adopta esa decisión) a semana na que os españois empezamos a facer a nosa declaración da renda e o ano no que estamos a rexistrar un récord de investimento estranxeiro directo. Cada cal que extraia as conclusións que queira", engade.