Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez pídelle a Igualdade que faga pública a súa proposta de reforma da lei do 'só si é si'

Sánchez pídelle a Igualdade que faga pública a súa proposta de reforma da lei do 'só si é si'

Irene Montero insiste en que o PSOE rexeita negociar co seu departamento

Nunha conversa informal cos xornalistas, o presidente asegura que se falou coa ministra de Igualdade "dende o principio"

Concentración de protesta en Lugo pola excarceración do "violador do portal"

G24.gal 16/02/2023 14:52 Última actualización 16/02/2023 15:11

A ministra de Igualdade insiste en que o PSOE non quere negociar co seu departamento nin tampouco tomar en consideración as súas propostas. Irene Montero di que quere que os socios senten a negociar, que non foi ela quen se "ergueu da mesa" e reclama un acordo antes de que se produza o debate no pleno e de que lle deamos a oportunidade ao PP e a Vox de sumar os seus votos para un retroceso en dereitos.

Pero a negociadora do PSOE, a ministra de Facenda, desmente por completo esta versión. Segundo María Jesús Montero, "non é verdade que non haxa diálogo, non é verdade que non houbese intercambio de propostas e o que si é verdade é que o PSOE está na busca de solucións e non na loita polo relato". A tamén vicesecretaria xeral do PSOE asegura que non vai "alimentar a impresión que quere dar Unidas Podemos de que a parte socialista non quere negociar, todo o contrario".

O propio presidente emendou a ministra de Igualdade nunha conversa informal con xornalistas. Pedro Sánchez di que se intentou negociar con ela dende o principio, que coas súas declaracións, Montero busca visibilidade electoral e rétaa a que faga pública a súa proposta de reforma.

Cos socios enfrontados, A vicepresidenta segunda Yolanda Díaz pide serenidade e discreción porque considera que "que o ruído, o único que fai, é alonxar a cidadanía da política".

Pouco despois, o outro negociador do PSOE, o ministro da Presidencia Félix Bolaños, atallaba as insistentes preguntas dos xornalistas cunha única resposta: "sobre este tema, non hai ningunha novidade e cando haxa algunha novidade informaremos dela".

Ante a tensión interna, Joan Baldoví, deputado de Compromís, pídelle aos socios da coalición que "se senten nunha habitación e que non saian ata que haxa un acordo, e se fan falta cascos azuis, aquí estamos algúns para poñernos o casco".

Pola súa parte, o PP aféalle ao executivo a tardanza na reforma. "Aínda o Goberno non resolviu esta cuestión porque están pelexados entre eles, entre o PSOE e UP, e xa van por riba das 500 condenas revisadas e máis de 50 agresores sexuais sairon á rúa", declarou o coordinador xeral do PP, Elías Bendodo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade