Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez di que o recoñecemento do Estado palestino non vai en contra de Israel e reflicte o rexeitamento a Hamas

Sánchez di que o recoñecemento do Estado palestino non vai en contra de Israel e reflicte o rexeitamento a Hamas

Volveu reclamar unha vez máis un cesamento do fogo permanente, a entrada de axuda humanitaria en Gaza e a liberación dos reféns que aínda seguen en mans de Hamas

España, que dá o paso xunto con Irlanda e Noruega, convértese así nun dos 146 países de todo o mundo que recoñeceron a Palestina como Estado, entre eles once membros da UE

Yolanda Díaz celebra o recoñecemento do Estado palestino pero cre que é "insuficiente"

Declaración institucional de Pedro Sánchez na Moncloa (EFE/ Borja Puig De La Bellacasa)
G24.gal 28/05/2024 07:59 Última actualización 28/05/2024 14:54

O presidente do Goberno Pedro Sánchez anunciou formalmente o recoñecemento do Estado palestino, que aprobará o Consello de Ministros, e deixou claro que esta "decisión histórica" non vai en contra de Israel, un "país amigo", senón que o que reflicte é o "rexeitamento a Hamas".

"O Estado de Palestina debe ser viable, con Cisxordania e Gaza conectadas por un corredor e con Xerusalén Leste como capital, unificado baixo o Goberno lexítimo da Autoridade Nacional Palestina (...). Non recoñeceremos cambios nas liñas fronteirizas de 1967 que non sexan os acordados polas partes", explicou.

Unha formulación que lembrou que está aliñado coas resolucións do Consello de Seguridade de Nacións Unidas 242 e 338 e coa posición que tradicionalmente mantivo a Unión Europea.

Nunha declaración institucional no Palacio da Moncloa, sostivo que non se trata dunha "decisión contra ninguén", moito menos Israel, "un pobo amigo", senón que "reflicte o noso rexeitamento total a Hamas, unha organización terrorista que está en contra da solución de dous estados". 

Nese momento fixo fincapé en que España condenou "desde o primeiro momento e con toda contundencia os ataques terroristas do 7 de outubro" e que esa condena é "a expresión rotunda do noso compromiso absoluto na loita contra o terrorismo".

Sánchez manifestou o desexo de ter as mellores relacións posibles con Israel despois de que o Goberno de Benjamin Netanyahu respondese duramente a decisión do recoñecemento de Palestina e, entre outras decisións, chamase a consultas a súa embaixadora e Madrid.

O presidente do Goberno insistiu en que recoñecer a Palestina, algo que recalcou que fixeron xa máis de 140 países, ten o único obxectivo de contribuír a que israelís e palestinos alcancen a paz.

Así mesmo, volveu reclamar unha vez máis un cesamento do fogo permanente, a entrada de axuda humanitaria en Gaza e a liberación dos reféns que aínda seguen en mans de Hamas. España, que dá o paso xunto con Irlanda e Noruega, convértese así nun dos 146 países de todo o mundo que recoñeceron a Palestina como Estado, entre eles once membros da UE.

Sánchez asegurou que desde mañá mesmo España vai concentrar os seus esforzos en facer realidade esa solución con tres grandes prioridades. A primeira delas, tentar un cesamento do fogo permanente, a entrada de axuda humanitaria en Gaza e a liberación dos reféns israelís en mans de Hamas.

Ademais, apoiará a Autoridade Nacional Palestina no proceso de reformas iniciado polo seu novo Goberno. "A Autoridade Palestina é o noso socio para a paz e vai necesitar de todo o noso apoio", subliñou. A iso sumou seguir impulsando a cooperación cos socios árabes que tamén traballan pola paz e a prosperidade na rexión.

Afirmou que vai seguir axuntando esforzos para a convocatoria dunha Conferencia Internacional de Paz que faga realidade dunha vez por todas a solución dos dous Estados.

"Co paso que hoxe damos, asumimos a nosa responsabilidade na procura da paz, da seguridade, da prosperidade de todos os pobos conforme ao mandato que establece o preámbulo da Constitución Española. Pero por encima de todo, actuamos conforme ao que espera dun gran país como é España", recalcou o xefe do Goberno.

España non abrirá embaixada en Palestina e a relación será co consulado en Xerusalén

 España non abrirá embaixada en Palestina tras o seu recoñecemento como Estado e as relacións diplomáticas con ese país serán exercidas polos funcionarios do consulado de España en Xerusalén.

O ministro de Exteriores, José Manuel Albares, sinalou na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros que aprobou ese recoñecemento, que a decisión do Goberno supón recoñecer a Palestina como suxeito de dereito internacional para todos os efectos, uns efectos que dixo que son inmediatos e que empezaron a activarse desde este momento.

Explicou que España tiña xa relacións diplomáticas con Palestina, que ten unha misión en Madrid.As relacións por parte de España seguirán realizándose a través dos diplomáticos do consulado de España en Xerusalén, como lembrou que fan moitos outros países.

Despois de que Israel anunciase que cortaba a conexión entre a embaixada de España en Tel Aviv e os palestinos e que prohibía ao consulado español en Xerusalén prestar servizos aos palestinos, Albares dixo que a asesoría xurídica internacional do seu departamento e todo o equipo encargado das relacións con Oriente Medio están a estudar esa decisión.

Con todo, lembrou que hai unha convención de Viena sobre relacións diplomáticas e consulares, cuns privilexios e inmunidades que España respecta escrupulosamente con todos os países do mundo e, por tanto, esixe tamén o mesmo respecto.

Recalcou que o consulado en Xerusalén ten rango de histórico e fixo fincapé en que defenderá en todo momento o dereito internacional, os intereses de España e a relación co pobo palestino.

Sánchez recibe en Madrid o seu homólogo palestino

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reunirase este mércores no Palacio da Moncloa co primeiro ministro palestino, Mohamed Mustafa, e varios ministros de Asuntos Exteriores de países árabes para analizar a situación tras o recoñecemento de Palestina por parte de España.

Sánchez asegurou este martes na súa declaración institucional con motivo do recoñecemento de Palestina que aprobou o Consello de Ministros, que desde este mércores concentrará todos os esforzos en facer realidade esa solución tendo como referencia tres grandes prioridades.

A primeira delas, tentar lograr un cesamento do fogo permanente, que entre axuda humanitaria en Gaza e que sexan liberados os reféns israelís en mans de Hamas; a segunda, apoiar a Autoridade Nacional Palestina no seu proceso de reformas, e a terceira, seguir impulsando a cooperación cos socios árabes que tamén traballan pola paz.

Nese contexto enmárcase a reunión deste mércores en Moncloa de Sánchez cos xefes da diplomacia de varios países que conforman o denominado Grupo de Contacto Árabe para Gaza e que aplaude a decisión española de recoñecer a Palestina.

Fontes diplomáticas informaron a EFE de que á reunión asistirá o primeiro ministro palestino, Mohamed Mustafa, que é á vez o ministro de Exteriores. Esa dobre condición tena tamén en Qatar Mohamed bin Abdulrahaman bin Jassim Al Thani, que estará presente en España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade