Sánchez reunirase este venres co papa para analizar a situación en Oriente Medio
Sánchez reunirase este venres co papa para analizar a situación en Oriente Medio
O Goberno recalca que o papa Francisco é unha das voces máis influentes no mundo a favor da paz e o entendemento entre nacións
O presidente do Goberno Pedro Sánchez viaxará este venres 11 de outubro ao Vaticano para ser recibido en audiencia polo papa Francisco co fin de analizar a situación en Oriente Medio.
O Goberno informou este martes da viaxe de Sánchez á Santa Sé, desde onde se desprazará ese mesmo día a Chipre para participar no cumio de países europeos do Mediterráneo.
Subliña o Executivo que a reunión co papa se encadra na intención de Sánchez de seguir axuntando esforzos en favor da paz en Oriente Medio ante a gravidade dos acontecementos despois de cumprirse un ano do inicio do conflito entre Israel e Hamas.
O seu desexo, afirma, é continuar instando á diplomacia e ao diálogo fronte á vía militar.
Nese contexto, o Goberno recalca que o papa Francisco é un dos principais líderes espirituais do mundo, formulou constantes chamamentos ao cesamento das hostilidades en diversas zonas do conflito e álzase como unha das voces máis influentes no mundo a favor da paz e o entendemento entre nacións.
España aposta por centrar todos os esforzos en lograr unha solución diplomática que inclúa o inicio dun proceso político para devolver a paz á rexión, e nese sentido Sánchez vén apostando pola celebración dunha conferencia internacional.
Será ao termo da audiencia cando o presidente do Goberno se desprace a Chipre para participar no cumio do denominado MED9, que reúne os líderes de España, Italia, Francia, Portugal, Grecia, Malta, Chipre, Eslovenia e Croacia.
A eles sumaranse a presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen e o rei de Xordania Abdallah II, que foi convidado á cita.