Sánchez fixará por lei que o salario mínimo sexa o 60 % do soldo medio
Sánchez fixará por lei que o salario mínimo sexa o 60 % do soldo medio
Asegurou que sacarán adiante unha lei de paridade para que haxa un 50 % de poder económico e político en man das mulleres
Cuca Gamarra sostén que Sánchez actuou con covardía agochándose no debate de investidura
Carles Puigdemont sae á palestra para reivindicar o referendo de independencia do 1-O
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, asegurou este sábado que vai propoñer durante o debate de investidura que se reforme o Estatuto dos Traballadores para que o salario mínimo interprofesional por lei sexa todos os anos o 60 % do soldo medio en España.
"Para iso imos solicitar a confianza da Cámara para defender aos traballadores e ás traballadoras", dixo Sánchez nun mitin de partido na localidade sevillana de La Rinconada, no que foi o seu primeiro acto político tras o debate de investidura errada de Alberto Núñez Feijóo.
Ao berro de "presidente, presidente" dos preto de 3.000 asistentes ao acto, segundo fontes socialistas, Sánchez comezou a súa intervención, na que dixo que ten "máis forza" e "argumento" que nunca despois do que escoitou estes días no Congreso dos Deputados.
Ademais, asegurou tamén que os socialistas sacarán adiante unha lei de paridade para que haxa un 50 % de poder económico e político en man das mulleres.
Tamén sostivo que o seu próximo Goberno terá como eixo a vivenda pola dificultade, "cando non a imposibilidade", de moitísimas xeracións, pero en particular da xente nova á hora de acceder a ela.
"Nesta lexislatura imos facer da vivenda a gran causa nacional, imos facer da vivenda o dereito constitucional, non un problema como é para moita xente no noso país, viva onde viva", sentenciou.
Referiuse tamén á "emerxencia climática" que están a sufrir os agricultores e os gandeiros, ademais do sector turístico, e ás políticas que se están realizando respecto ao Plan Hidrolóxico do Guadalquivir.
Sánchez sobre a investidura de Feijóo
Tamén Deixaba tamén unha contundente crítica a Feijóo por unha investidura sen posibilidades de éxito:
"Vimos o señor Feijóo retorcer o mandato do xefe do Estado, retorcer a actividade parlamentaria do Congreso dos Deputados e retorcer tamén a Constitución Española non para ser investido presidente do Goberno de España, senón para atrincheirarse como líder do Partido Popular".
Outras reaccións políticas
Diametralmente oposta a visión de Cuca Gamarra desde o PP. Sostén que Pedro Sánchez, durante o debate de investidura, foi covarde e que se escondeu ante o candidato Feijóo:
"Actuou con absoluta covardía. Escondeuse, pero de que se agochaba? Pois escondíase dun candidato como Alberto Núñez Feijóo ao que sabe que non lle pode gañar nas urnas, pero ao que sabe que tampouco lle pode gañar en principios e en palabra. Tamén se escondía do Congreso dos Deputados".
Mentres, Carles Puigdemont divulgaba hoxe un vídeo en véspera do aniversario do referendo do 1 de outubro de 2017. Reivindica a vitoria dos partidarios da independencia e di que iso debe estar presente en todo o que fan:
"Hai seis anos que decidimos que este era o noso destino, que esta é a vontade do pobo de Cataluña e todo aquilo que fagamos debe servir a este propósito".
Finalmente, Yolanda Díaz, fixo unha mínima pero rotunda referencia ao próximo Goberno nun acto ecoloxista e europeísta:
"Vai ser próximo Goberno de coalición progresista no noso país. Vai haber Goberno de coalición progresista no noso país".