Sancionan unha farmacéutica de Vigo con 60.000 euros por vender psicotrópicos sen control
Sancionan unha farmacéutica de Vigo con 60.000 euros por vender psicotrópicos sen control
Subministrou 450 envases de Rubifen a unha clínica que trata a obesidade
A venda de psicotrópicos está sometida a un rigoroso control.
"Se ti vendes de máis nun período de tempo determinado, isto está controlado pola aplicación informática do Sergas ou da Axencia Española do Medicamento, e pode saltar unha alarma", informa Natalia Martínez, farmacéutica.
Isto foi o que sucedeu nunha botica de Vigo que vendeu 450 envases dun medicamento psicotrópico durante 15 meses a unha clínica privada que trata problemas de obesidade. O fármaco, chamado Rubifen, está indicado para o tratamento de TDAH e hiperactividade en menores e pode provocar perda de peso.
"Entre os efectos que pode ter está a perda de apetito e, polo tanto, pódese adelgazar. Entón pódese utilizar como tratamento para persoas que desexen adelgazar, pero realmente non está na ficha técnica, entón ti tampouco poderías prescribilo con este obxectivo", continúa.
A farmacia subministraba á médica da clínica o fármaco non polo sistema de venda directa a profesionais, senón mediante receitas a particulares, aínda que toda a facturación se lle facía a ela mensualmente.
A Consellería de Sanidade detectou irregularidades na venda e sancionou a farmacéutica con 60.000 euros, unha multa ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e agora tamén polo Tribunal Supremo.