Sanidade e comunidades aprazan a modificación do semáforo covid
Sanidade e comunidades aprazan a modificación do semáforo covid
A incidencia en España sobe a 88 casos
As comunidades toman medidas para frear os contaxios
Con 4.000 novos contaxios e 29 novos falecementos, a suposta sexta vaga está cada vez máis preto, aínda que os expertos insisten en que, por mor da vacinación, terá menos virulencia ca as anteriores. De feito, as UCI seguen sen estar en risco a pesar destas cifras.
Sanidade propúxolles ás comunidades, no marco da Comisión de Saúde Pública, revisar á alza os limiares dos indicadores de incidencia ante a menor presión hospitalaria e flexibilizar as medidas farmacolóxicas recomendadas para controlar a pandemia.
É dicir, non ter tanto en conta o número de contaxios coma a cifra de hospitalizacións, en planta e na UCI. Propón manter o risco baixo ata que se superen os cen casos por cen mil habitantes. Unha modificación do semáforo covid da que é partidario o presidente da Xunta.
Na reunión de onte, Sanidade e comunidades déronse máis tempo para estudar esta modificación. Volverase reunir o grupo de alertas o venres coas achegas dos representantes autonómicos.
Un dos territorios nos que os contaxios se están multiplicando é Euskadi, que anunciou novas medidas para frealos. Entre elas, a suspensión de actividades ou eventos onde se poidan producir aglomeracións.
Tamén van solicitar autorización xudicial para esixir o certificado covid en lugares de ocio nocturno ou de restauración. Outras comunidades coma Cataluña, Comunidade Valenciana e Navarra tamén son partidarias de esixilo en lugares públicos.
Castela e León propón pedilo por municipios e de xeito temporal e proporcional.
O presidente cántabro, Miguel Ángel Revilla, vai máis alá. Pide que máis que establecer novas restricións, se vacine a todo o mundo, polas boas ou polas malas, dixo, ou obrigar os non vacinados a confinarse.