Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade quere que xefes de servizo e directivos non poidan traballar na privada

Sanidade quere que xefes de servizo e directivos non poidan traballar na privada

O Ministerio quere incluír a exclusividade para eses cargos no futuro estatuto marco do persoal sanitario para evitar conflitos de interese "obscenos"

O documento tamén recolle a eliminación das gardas médicas de 24 horas, que quedarán nun máximo de 17 

G24.gal 15/01/2025 16:25

O Ministerio de Sanidade propuxo que o futuro estatuto marco do persoal sanitario esixa a exclusividade dos xefes de servizo e directivos para que non poidan compatibilizar estes postos con outros traballos na privada e evitar así conflitos de interese que ás veces foron "obscenos".

Así o avanzou a ministra de Sanidade, Mónica García, nunha conferencia de prensa na que salientou que o obxectivo da reforma desta norma, "a Carta Magna" que regula as condicións laborais do persoal sanitario, é que estea "á altura das necesidades" da sociedade, dos pacientes e dos profesionais do século XXI.  

Sanidade xa trasladou o documento a sindicatos e comunidades. Mónica García preferiu manterse "escrupulosa e moi respectuosa" coa negociación desta norma, que arrincou hai xa dous anos.

Exclusividade dos cargos directivos

A ministra quixo adiantar algunha das propostas que, dixo, xa están "moi avanzadas". Unha delas é "a importancia" que lle vai dar á exclusividade: máis aló de recuperar o complemento por iso, o futuro estatuto marco vai esixir a quen ocupe postos directivos profesionais como xefes de servizo que non poidan "compatibilizar o seu traballo na sanidade pública con outros fóra".

"Isto é perfectamente entendible. Os postos directivos, os postos de responsabilidade dentro do noso sistema sanitario teñen xa suficiente traballo e responsabilidade e teñen que ter unha mirada na cal teñan unha dedicación exclusiva ao sistema sanitario", subliñou García.

Sanidade quere estender esta medida aos cargos intermedios, aínda que García non especificou cales, e quere abrir unha "reflexión" para que a cláusula de exclusividade tamén afecte a todos aqueles que se acollen a unha redución de xornada para o coidado de nenos ou maiores. "Non podes collerche unha redución de xornada para ir á privada", resolveu.

O Ministerio quere así "previr conflitos de interese" e evitar casos como os que se viron "nos últimos meses de xefes de servizo que combinaron o seu labor dentro da sanidade pública con beneficios obscenos amparándose nese prestixio que ao final dá a sanidade pública".

Medidas que garantan a paridade

Outro dos plans de Sanidade é incorporar medidas que garantan a paridade, porque non deixa de ser "paradigmático" que nun sector tan feminizado como o da saúde, no que as mulleres representan o 70 %, só un 30 % accedan a postos de responsabilidade, dirección e xestión.

O cal non é porque elas teñan "falta de interese ou de cualificación", senón porque hai unha estrutura de "chans pegañentos" que llelo impiden.

Eliminación das gardas médicas de 24 horas

Por último, outra das propostas, que xa comentou outras veces, é a da intención de eliminar gradualmente as gardas médicas de 24 horas, empezando por deixalas nun máximo de 17, "que xa está ben".

"É un clamor que as gardas de 24 horas son completamente anacrónicas e que poñen en risco a saúde non soamente dos nosos profesionais, senón tamén dos pacientes", recalcou. "O paciente que é atendido na garda non quere ser o paciente atendido na hora 23", exemplificou.

Máis alá destas, o documento contempla "outra serie de medidas que se irán debullando e negociando aos poucos dentro dos ámbitos de negociación".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade