Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santi Mina clasifica o Celta en Andorra no minuto 118

Santi Mina clasifica o Celta en Andorra no minuto 118

O equipo vigués perdoou moitas ocasións e tivo que sufrir nunha prórroga agónica

Kevin, Thiago e Gabri Veiga acabaron o partido mancados

G24.gal 14/12/2021 20:37

Un gol de Santi Mina no minuto 118 meteu o Celta na seguinte rolda da Copa logo dun partido no que acumulou merecementos para sentenciar moito antes. A peor nova foron as lesións de Kevin, Thiago e Gabri Veiga sobre as que falou Coudet indicando que a superficie foi un factor determinante para que se mancasen os seus xogadores.

A primeira metade comezou do mellor xeito para o Celta. Cunha ocasión de Mina aos vinte segundos, cunha presión moi alta e co primeiro gol do partido marcado polo canteirán Jose Fontán que apareceu pola esquerda para marcar cun remate cruzado. 

Tamén houbo unha mala nova, a lesión do lateral dereito Kevin que foi substituído por Brais Méndez.

O gol tranquilizou o conxunto vigués e o Andorra comezou a achegarse sobre a porta de Rubén. O porteiro vigués tivo que intervir no 25 e a cinco minutos do descanso unha cabezada no fillo do exxogador do Celta Vilanova poñía o empate. Unha acción moi discutida porque Rubén rexeitou o remate pero o asistente indicoulle ao árbitro Jaime Latre que a pelota superara a liña de gol. 

Na segunda metade o Celta volveu a amosar a súa versión máis ambiciosa. Encadeou cinco ocasións moi claras, pero foi incapaz de superar o porteiro local Ratti. Tamén perdeu por lesión a Thiago Galhardo, un dos máis activos en ataque desde a súa incorporación ao partido. 

A prórroga continuou con dominio do Celta. As ocasións foron chegando; primeiro Nolito, logo un lanzamento de falta de Brais Méndez. Non había maneira de marcar un gol que impedise a quenda de penaltis. Cando ninguén contaba co tanto apareceu Santi Mina no minuto 118 para rematar á rede e darlle ao Celta un premio que mereceu moito antes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar