Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago achégase á taxa turística, co entendemento entre a Xunta e o Concello

Santiago achégase á taxa turística, co entendemento entre a Xunta e o Concello

Os especialistas contan que a instauración do gravame podería demorarse ata 2025

O concello espera recadar ata uns tres millóns de euros, para seguridade e limpeza

G24.gal 07/10/2023 14:25 Última actualización 07/10/2023 14:55

O ano pasado Santiago de Compostela batía os seus rexistros, con máis dun millón e medio de pernoctacións. Dende Raxoi hai tempo que levan estudando a instauración dunha taxa turística para que os viaxeiros contribúan en cuestións como a limpeza e a seguridade nas rúas, entre outras. Esta semana, a Xunta abría a posibilidade de aplicar este imposto, sempre que se achegasen datos concretos da actividade turística na cidade.

"Penso que máis que un informe complementario o que se pide son datos adicionais. Pero o importante é que non hai un rexeitamento á taxa turística e que poderiamos ter un proxecto de lei nun futuro próximo", sinala César García Novoa, catedrático de dereito financeiro e tributario da USC e autor dun informe sobre a taxa na cidade compostelá.

A priori, a taxa turística aplicaríase só en Santiago de Compostela, o que non deixa de xerar matizacións entre os especialistas.

"Se ao final soamente o Concello de Santiago pedise a aplicación da taxa, teriamos unha taxa só para Santiago, pero potencialmente calquera outro concello podería pedila, que a min paréceme o correcto. Teño as miñas dúbidas xurídicas que fose viable unha lei, coma un traxe á medida, específico para Santiago de Compostela", incide o catedrático César García.

Co novo gravame por pernoita de ata dous euros e medio por persoa e día como máximo, o Concello compostelán pretende recadar uns tres millóns de euros anuais. En todo caso, e malia os desexos de Raxoi, os técnicos sinalan 2025 como a data máis plausible para que a taxa turística bote a andar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade