Analistas electorais cren que Pensilvania pode ser decisivo para o resultado nos Estados Unidos
Analistas electorais cren que Pensilvania pode ser decisivo para o resultado nos Estados Unidos
O consultor Santiago Martínez, na Radio Galega: "Pensilvania é o estado clave que pode desempatar unha campaña moi rifada nos Estados Unidos"
As enquisas dan uns resultados moi igualados onde demócratas e republicanos tamén empatan en seis dos sete estados chave, agás en Pensilvania, onde está todo por decidir
O consultor experto en comunicación estratéxica augura un final de campaña nos Estados Unidos moi rifada onde ata o último minuto ámbolos dous candidatos "van loitar polos votos electorais restantes dos estados chave, o bambán, como tamén lles chaman, debido á marxe de indecisión tan mínimo".
Explica Santiago Martínez nunha entrevista este sábado na Radio Galega que mesmo eses estados tan determinantes están repartidos a partes iguais: "Nos tres do sur a vantaxe é para Donald Trump e nos do Norte, que pertencen ao chamado "cinto do óxido", é para a demócrata Kamala Harris. E a todo isto engade "é o que máis votos electorais ten de todos eles, 19".
Os partidos saben o que se xogan e "levan un mes dedicando todos os seus recursos de tempo e loxísticos a eses estados".
Ademais hai que salientar que as recentes "chanzas de Donald Trump contra á illa de Porto Rico poden influír nos catro condados de Pensilvania con maioría portorriqueña entre a poboación latina e repercutir no voto total do Estado".
"Esta é unha campaña histórica con prevalencia de xiros dramáticos e cuestións emocionais".
Santiago Martínez salienta que "o que fai que esta campaña sexa histórica son as cuestións emocionais que se sumaron á vertente racional ou máis apegada á realidade", e iso, engade viuse reflectido nas enquisas". Os candidatos "teñen que empregar argumentos con discurso para mobilizar aos seus votantes, pero tamén tratar de desmobilizar aos rivais e convencer os indecisos".
E hai unha cuestión que pode poñerse de parte de Donald Trump: a situación económica. "A carestía dos prezos, e a inflación inflúe moito nos votantes, e é a explicación de por que o candidato demócrata ten tantas opcións de gañar, malia o seu desgaste persoal. Atrae ese voto máis aspiracional, que pensa que a solución para a economía está nun cambio de goberno".
A este desexo de cambio engádese "a figura mediática que é Trump dende hai cincuenta anos. É un personaxe público que decidiu entrar en política e contou durante 14 anos cun reality show en televisión onde vendeu esa imaxe de empresario exitoso, malia os fracasos continuos nos seus negocios". Pero, engade Martínez, esa imaxe de éxito segue a estar moi metida na mente da xente".
"O estadounidense de seu é liberal".
Afonda este experto en comunicación estratéxica nas características propias do electorado. "O estadounidense de seu é liberal", afirma Martínez. "A súa Constitución é liberal pero en termos económicos o elemento chave é a intervención do Estado a través dos impostos". E de sempre "asóciase a suba de impostos cos demócratas e non cos republicanos".
Ademais, a correlación entre ambos partidos coa dereita e a esquerda é moi diferente a tal é como coñecemos en Europa. Santiago Martínez afirma que os demócratas "non poden ter un discurso tan de esquerda porque se lles pode acusar de socialismo-comunismo por cuestións históricas tales como a guerra fría ou mesmo a persecución do comunismo nos Estados Unidos". Doutra banda, engade, "o republicanismo nunca estivo tan escorado á dereita coma agora e veremos se isto lle pasa factura".