Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanxenxo chega en maio a niveis de ocupación de temporada alta

Sanxenxo chega en maio a niveis de ocupación de temporada alta

A regata e a vista do rei Xoán Carlos encheron os hoteis ata o 80-90 % na fin de semana

Os hostaleiros locais consideran que a repercusión mediática da visita real é positiva para o turismo 

G24.gal 23/05/2022 14:00

Sanxenxo leva tempo apostando polas competicións de vela como unha maneira de poñer o seu nome no mapa dos grandes destinos turísticos. E tamén como unha maneira de atraer visitantes fóra da temporada de verán. Por iso esta fin de semana, coa celebración da regata InterRías xa contaban con ter un alto nivel de ocupación. 

"A verdade é que se contaba con isto porque había un congreso médico e as tripulacións dos barcos que participan as regatas enchen hoteis, restaurantes, comidas, ceas... As cifras de ocupación son moi boas, como dunha fin de semana de temporada alta, pero máis ca nada é a promoción dun destino afianzado como é Sanxenxo e tamén Galicia".

De entrada non contaban coa repercusión que tivo esta vez a regata. O número de medios de comunicación acreditados para a proba adoitaba ser duns 20, pero en canto se confirmou a participación do rei Xoán Carlos a demanda multiplicouse e os organizadores chegaron a recibir unhas duascentas solicitudes.

"Non contabamos a priori con tantos, conforme foi avanzando a semana, a partir de mércores ou xoves xa nos demos conta de como ía ser a fin de semana", di o coordinador do R. C. Náutico, Carlos Agra.

"Desde logo isto fai que esta cidade ou esta vila que xa está posicionada mundialmente no turismo pois que se reforce", opina o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. 

Amais dos trofeos polo triunfo na regata a bordo do Bribón, o rei Xoán Carlos recibiu unha mención a maiores dos hostaleiros de Sanxenxo que patrocinan a proba deportiva. "Iso fai que a promoción sexa boa e o sector está contento de que o Rei veña a este concello", recalca Pardal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade