Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanxenxo xa ten operativos os postos de salvamento e socorrismo nos 17 areais

Sanxenxo xa ten operativos os postos de salvamento e socorrismo nos 17 areais

G24.gal 29/06/2024 20:25

As dezasete praias do Concello de Sanxenxo, todas con bandeira azul, teñen xa operativos os seus postos de salvamento e socorrismo.

O Concello de Sanxenxo adianta dous días o funcionamento dos postos de socorristas nos dezasete areais. Non só na praia urbana de Silgar senón tamén noutras como a de Baltar, a praia da vila de Portonovo.

Ía ser o luns 1 de xullo pero a previsión da chegada masiva de turistas, que non se está a cumprir, esta fin de semana de fins de xuño, adiantou o operativo. Neste 2024 serán 83 os socorristas que velen polos bañistas. 

Xa están nos seus postos mirando cara ao mar e cara á area. Desde as torres de vixilancia ou pisando a area, a pe de mar. Así será ata o domingo 15 de setembro. Son 83 socorristas para as dezasete praias do concello de Sanxenxo. 

"Hai praias que teñen dous socorristas a diario, e segundo o areal que sexa pode ter máis socorristas ou persoal de primeiros auxilios. Ademais hai un responsable e uns coordinadores e unha persoa en comunicacións que xestionan e fan que todo funcione ben. A maiores hai dúas embarcacións na auga para maior seguridade nas praias do Concello", conta Juan Rivas, o responsable do servizo de Salvamento e Socorrismo en Sanxenxo. 

As Rías Baixas están cada vez máis masificadas e os areais máis cheos de xente. Ademais da actuación dos homes e mulleres de salvamento para evitar afogamentos, as intervencións máis perigosas, os socorristas informan e advirten os bañistas sempre da man da Policía Local.   

"Faise labor de prevención e de información ao cidadán e atencións menores. O máximo que podemos facer a nivel de primeiros auxilios é unha reanimación cardiopulmonar ata que cheguen os sanitarios", concreta Juan Rivas, o responsable do servizo de Salvamento e Socorrismo en Sanxenxo.

Agás Silgar, que terá os postos de socorrismo abertos desde as once e media, no resto dos areais estarán operativos entre as doce do mediodía e as oito do serán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar