Satisfacción e ilusión no Obradoiro dúas semanas antes de que empece a ACB
Satisfacción e ilusión no Obradoiro dúas semanas antes de que empece a ACB
"Ilusionado non, o seguinte": o presidente, Raúl López, expresa a súa satisfacción polo equipo que se armou para esta temporada
Moncho Fernández recoñece que é un equipo máis experimentado
Faltan quince días para que empece a Liga e o Obradoiro afánase en conxuntar o equipo máis ilusionante das últimas temporadas. Máis físico e con máis experiencia.
"Nese aspecto imos sobrados en todos os postos porque todos teñen coñecemento e experiencia. Pero non me gusta comparar. Temos que pensar no que pode dar este equipo: pode defender e fisicamente é un bo equipo", explicou o adestrador Moncho Fernández.
Máis satisfeito aínda coas fichaxes amosouse o presidente Raúl Lopez:
"Ilusionado non, o seguinte. Están os que queríamos, dentro das nosas posibilidades e incluso aumentando as expectativas do que era posible cun orzamento tremendo", dixo o presidente do Obradoiro.
Un orzamento de 3,6 millóns de euros que inclúe a incorporación do base francés Leo Westermann.
Os que xa estaban perciben que o equipo pode sufrir menos e defender mellor:
"Coa marxe de mellora e coa identidade, garra e carácter que pon o corpo técnico creo que defensivamente podemos dar uns pasos adiante", di Fernando Zurbriggen.
Serán doce temporadas seguidas na ACB. Unha máis no Obradoiro para Moncho Fernández. A relación club -adestrador máis duradeira da liga.