Seis vigueses loitan contra a multinacional Hard Rock Café
Aseguran que o 'hard rock' é un estilo musical do que non pode apropiarse a multinacional
Defenden o dereito a empregar o termo no nome da súa asociación
O amor pola música metal uniu un grupo de amigos de Vigo. Para organizar concertos e festivais decidiron crear unha asociación sen ánimo de lucro. A sorpresa chegou cando foron rexistrar o seu nome: Metal Nostrum Hard Rock and Metal.
Óscar Rodríguez Martín, un dos fundadores da asociación asegura que recibiron unha carta dun gabinete xurídico en nome de Hard Rock Café Holding "dicíndonos que, por favor, procedésemos a retirar amistosamente a nosa proposta de marca porque hai unha colisión cos dereitos do seu cliente".
Sorprendeulles que un xigante como Hard Rock Café se fixase nuns mozos de Vigo e insisten en que "hard rock é un termo que debe ser libre, é un estilo de música". O mesmo pensa o seu compañeiro José Casal Díaz, que denuncia que "Hard Rock Café quere apropiarse do nome de hard rock e iso non pode ser e estamos loitando contra eles".
A Oficina Española de Patentes e Marcas deulles a razón, pero Hard Rock Café recorreu e mantén a batalla. Malia que saben que é difícil loitar contra un xigante, os vigueses non desesperan e buscarán xustiza. Óscar apunta que teñen "a marca 'Metal Nostrum hard rock & metal' concedida por dez anos. Hard Rock Café presentou recurso e temos que agardar aínda unha decisión da Oficina de Patentes e Marcas".
Saben que se chegan aos xulgados, a situación complícase tamén polo custo económico que pode supor o litixio, se ben cada vez máis xente se suma no apoio á súa causa.