Sen acordo para cortar o gas ruso
Sen acordo para cortar o gas ruso
A negativa de Alemaña impide o acordo dos ministros de Exteriores dos 27
A UE axudará a recabar probas de crimes de guerra en Ucraína
Só tres días despois de aprobar o veto ao carbón ruso, a Unión Europea estuda xa onde dar o seguinte golpe ás finanzas de Moscova.
José Manuel Albares, ministro español de Exteriores, explicaba antes da xuntanza cos seus colegas que buscan "fórmulas para evitar que Vladimir Putin siga financiando a súa guerra con capitais europeos".
Pero este luns non houbo acordo sobre novos embargos. O xefe da diplomacia comunitaria, Josep Borrell, explicaba que "nada está fóra da mesa, incluídas as sancións sobre o petróleo e o gas, pero hoxe non se tomou ningunha decisión".
Alemaña, Austria ou Hungría son reacios a interromper o fluxo de gas que chega de Rusia. Borrell pedía para eles comprensión.
"É doado para algúns estados que non usan gas ruso dicir que están listos para non usar gas ruso", dicía o alto representante de Exteriores.
Máis factible, di Borrel, sería prohibir as importacións de petróleo, máis doadas de substuír e cun impacto económico maior. En calquera caso, ante a inminente ofensiva rusa sobre o Donbás, os 27 cren prioritario centrarse na resposta militar.
Os ministros de Exteriores si acordaron proporcionarlles ás fiscalías ucraína e da Corte Penal Internacional cartos e un equipo de expertos para recabar probas sobre os presuntos crimes de guerra cometidos polas tropas rusas.