Caballero: "Vou seguir traballando polos galegos onde nos puxeron, na oposición ao PP"
Caballero: "Vou seguir traballando polos galegos onde nos puxeron, na oposición ao PP"
O pleno do Parlamento estivo centrado nos fondos Next Generation
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, aproveitou o seu primeiro cara a cara tras as primarias co titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para reafirmar que prevé "seguir traballando polos galegos" desde a oposición.
"O meu compromiso con Galicia e con este Parlamento é e vai ser inquebrantable. Vou seguir traballando polos galegos alí onde nos puxeron, na oposición ao PP. E pídolle que goberne onde o puxeron os galegos, á fronte da Xunta, facendo as mellores xestións e buscando as mellores posibilidades para Galicia, dixo Caballero.
Caballero fixo esta afirmación no pleno do Parlamento de Galicia, nun debate centrado nos fondos Next Generation. Alberto Núñez Feijóo recriminoulle ao Goberno que non desvele as condicións concretas que a UE impón para o acceso ás mesmas e alertou da posible implantación de peaxes nas autovías.
Caballero afirmou a súa vontade de "defender" os galegos e que entre as súas prioridades non está o de establecer peaxes nas autovías galegas, e recoñeceu o seu "aplauso" a un Goberno central que "inviste máis" en Galicia e que baixa as tarifas da AP-9.
Feijóo insistiulle en que, á marxe de cales sexan "as súas prioridades", a Galicia úrxelle saber cales son as condicións da UE e que fará o Goberno.
A remuda no PSdeG aviva as disputas internas
O acabado de elixir secretario xeral, Valentín González Formoso, lémbralle ao seu antecesor que os cambios e axustes forman parte do proceso e invítao a seguir o exemplo dos socialistas andaluces:
"Con normalidade, igual que ocorreu nos congresos anteriores, podemos observar o congreso de Andalucía, é un novo tempo en Andalucía e aquí en Galicia"
No seo do partido segue a presión para que dimita. O último en pronunciarse foi o alcalde de Santiago, que dixo que a militancia falou claro nas primarias. "Como hai unha diferenza de 20 puntos isto non ten ningunha dubida interpretativa, está claro que hai unha maioría que optou polo cambio, hai que saber gañar e perder e vexo que teñen dificultades para saber perder", dixo Xosé Sánchez Bugallo.
Quedan tres plenos no Parlamento antes do congreso da substitución de decembro.
Minuto a minuto
Comeza o pleno no Parlamento de Galicia
Gonzalo Caballero di que seguirá trasladándolle á Xunta todas as medidas para facer unha adecuada xestión dos recursos existentes para favorecer os galegos
Caballero: "Esta saída da crise hai que facela pola esquerda, con políticas de progreso e aproveitando as posibilidades de investimento que dan os fondos europeos".
Caballero pregúntalle a Feijóo como valora e como está xestionando a cantidade inxente de fondos que están nas súas mans.
Caballero: "O último informe do Consello de Contas amosa que vostedes deixaron sen executar catro de cada dez euros dos fondos europeos".
Caballero pregúntalle a Feijóo como valora o dobre incremento do 30 % que chega a Galicia no 2022 dos orzamentos xerais do Estado para Galicia e dos fondos europeos
Caballero pregúntalle a Feijóo que cal é a valoración dos 500 millóns de euros que van incorporarse de fondos do mecanismo de recuperación e resilencia aos orzamenntos de 2022.
O presidente da Xunta respóndelle a Gonzalo Caballero
Feijóo: "Non coñecemos os requisitos que a Unión Europea lle está a poñer ao Goberno para poder recibir os 140.000 millóns de euros dos fondos europeos".
Feijóo a Caballero: "Van subir vostedes os impostos?, van poñer un imposto ás autovías españolas?, van incrementar os prazos da idade da xubilación?".
Feijóo: "Despois de presentar os nosos proxectos, o Goberno dinos que temos que elixir só tres deles".
Feijóo: "No último debate do estado da autonomía nós propuxemos unha resolución para esixir a cogobernanza real, concretar os criterios transparentes equitativos e concretar cales son as nosas prioridades".
Feijóo: "Cales son as nosas prioridades? O sector forestal, a automoción con proxectos por valor de 1.200 millóns de euros, proxectos por 1.000 millóns de euros no sector agroalimentario e no ámbito da medicina personalizada proxectos por 500 millóns de euros".
Feijóo: "O que si está claro é que a Xunta de Galicia, de momento, dos fondos Next Generation recibiu 0 euros".
Réplica de Gonzalo Caballero a Feijóo
Caballero pídelle a Feijóo "valentía" para orientar o futuro en vez de "apatía" para xestionar o presente.
Caballero: "Neste ano que vén, Galicia terá un dobre incremento do 30 % dos fondos europeos e nos Orzamentos Xerais do Estado".
Caballero: "Outros conseguen os fondos para que vostedes poidan investir e gastar sen estar recadando".
Gonzalo Caballero dille a Feijóo que seguirá traballando polos galegos e galegas alí onde o puxeron, que foi na oposición.
Feijóo pecha a quenda á resposta de Caballero.
Feijóo: "Voulle trasladar os datos oficiais de execución de fondos europeos: nós superamos en 14 puntos a media de execución de Fondos Feder de toda España e somos a quinta comunidade con máis execución de toda España".
Feijóo: "Se o Goberno estase a quedar co 70 % dos fondos europeos, por que non baixan os impostos?"
Feijóo: "O que me quedou claro é que non é prioridade para vostede poñer peaxe nas autovías".
Feijóo a Caballero: "Que pensaría vostede se a Xunta anuncia que recibe fondos europeos hai un ano e aínda ninguén cobrou un euro deses fondos?".
Feijóo termina de reponderlle a Caballero.
Ana Pontón comeza a súa intervención
Pontón: "Os prezos en outubro de 2020 subiron un 0,3 %; un ano despois, a suba é do 5,5 %".
Pontón pregúntalle a Feijóo por cales son as propostas e as medidas do seu Goberno para paliar os efectos da suba do IPC e en particular do escandaloso ascenso da luz.
Feijóo respóndelle a Ana Pontón
Feijóo. "Coincido con vostede en que hai que tomar en serio os efectos do imposto que gravan todas as rendas porque hoxe todas as familias galegas están máis pobres, arredor dun 5 %".
Feijóo a Pontón: "Sería bo coñecer que vai facer o BNG coa política económica do Goberno central e cos presupostos para o 2022".
Feijóo: "Estes presupostos que presentamos nós cumpren todos os requisitos: baixar os impostos, non incrementar a débeda de forma exponencial, manter o gasto social e incrementar os investimentos".
Feijóo a Pontón: "Pedímoslle que apoie vostede unha baixada de impostos, unhas contas públicas equilibradas e que siga apoiando as axudas que lles damos ás familias".
Feijóo: "Se estamos ante unha suba estratosférica do IPC, este é o momento de apoiar a baixada de impostos".
Ana Pontón ten a réplica
Pontón: "Nós cremos que nesta crise os que máis teñen deben achegar para que haxa recursos para as familias que non teñen alternativas".
Pontón: "Hai que actuar para poñer enriba da mesa medidas para frear os custos enerxéticos disparados e ten a man tendida do BNG para que defendamos unha tarifa eléctrica galega".
Ana Pontón remata a súa intervención dicíndolle a Feijóo que "igual o que o cegan son as portas xiratorias".
Feijóo termina de respostar a Ana Pontón
Feijóo a Pontón: "Eu o que lle pido non é que apoie as propostas do PP, o que lle pido é que non apoie as propostas do PSOE porque é evidente que a súa política económica está engadindo un elemento de perigosidade ao incremento do IPC".
Feijóo a Pontón: "Vostede cre que subir o imposto do diésel é subir o imposto ás rendas altas?"
Feijóo: "Hoxe un contribuínte galego paga 403 euros menos de renda do que pagaba cando o BNG gobernaba".
Feijóo, a Pontón: "Aquí todos din que se deben a Galicia, pero cando saen da cámara o único que se debe ao PSOE é o BNG e o PSOE ao BNG constantemente".
Feijóo remata a súa intervención dicíndolle a Ana Pontón que "hai que predicar menos e traballar máis".