Soben os casos activos e as hospitalizacións na área sanitaria de Vigo
Nun só día detectáronse 360 novos positivos
O Cunqueiro xa ten operativa unha unidade para doentes covid
A xerencia fai unha chamada á responsabilidade
A área sanitaria de Vigo duplica este domingo o número de novos contaxiados en apenas 24 horas. Nun só día detectáronse 360 novos positivos, o que indica unha clara e preocupante tendencia ascendente do virus.
No Naútico estase a facer un cribado poboacional, pero no mesmo posto atenden persoas que se achegan de maneira voluntaria. Moitos son contacto directo dun positivo e precisan saber canto antes se están contaxiados.
No Covid-auto do hospital Álvaro Cunqueiro, as ringleiras de coches xa son unha constante. Aquí hai citadas unhas 500 persoas só na mañá do domingo, pero a cifra pode aumentar.
Dende a xerencia desta área sanitaria fan unha chamada á responsabilidade. Cada día que pasa aumentan os casos activos, 2.449 a día de hoxe. Soben as hospitalizacións, xa son 47 en planta e 14 en UCI.
Este hospital xa ten operativa unha unidade para doentes con covid e outra para enfermos con sospeitas do virus. Se a situación non mellora, poderían comezar a suspenderse operacións cirúrxicas.