Stellantis gañou un 37 % máis no primeiro semestre, cunha cifra récord de 10.918 millóns
Stellantis gañou un 37 % máis no primeiro semestre, cunha cifra récord de 10.918 millóns
As súas vendas de vehículos eléctricos experimentaron unha suba do 24 % no primeiro semestre, con 169.000 unidades
Stellantis bateu marcas no primeiro semestre con 10.918 millóns de euros de beneficio, un 37 % máis ca no mesmo período de 2022, anunciou este mércores o grupo automobilístico.
O resultado operativo axustado aumentou un 11 % ata 14.126 millóns de euros e representou un 14,4 % da facturación, é dicir, unha décima menos ca na primeira metade do ano pasado, precisou Stellantis nun comunicado.
Dese resultado operativo axustado, 8.027 millóns de euros procederon de América do Norte, 3.725 millóns de Europa, 1.218 millóns de Oriente Medio e África, 1.075 millóns de Suramérica, 294 millóns da China, India e Asia-Pacífico e 121 millóns de Maserati.
O volume de negocio creceu un 12 % ata 98.368 millóns de euros, dos cales 45.916 millóns corresponderon a América do Norte (+8 %) e 34.861 millóns a Europa (+11 %), que son os seus principais mercados.
O fabricante automobilístico relacionou directamente o incremento da súa cifra de negocios co das vendas de vehículos, que progresaron un 7 % en América do Norte (1,023 millóns de unidades), un 9 % en Europa (1,478 millóns), un 51 % en Oriente Medio e África (301.000), un 4 % en Ámerica do Sur (420.000).
Pola contra, na China, na India e na rexión Asia-Pacífico reducíronse a 90.000 coches, fronte aos 100.000 que comercializara no primeiro semestre de 2022.
Por último, as matriculacións da marca Maserati subiron ata 15.300, comparadas coas 10.200 un ano antes.
A compañía fixo fincapé en que as súas vendas de vehículos eléctricos experimentaron unha alza do 24 % no primeiro semestre con 169.000 unidades, e dixo que é o número tres en Europa nese nicho de mercado.