Sumar celebra unha asemblea fundacional que ratificará a Yolanda Díaz como líder
Sumar celebra unha asemblea fundacional que ratificará a Yolanda Díaz como líder
A candidatura de Díaz recibirá previsiblemente un apoio maioritario fronte a unha lista alternativa con mínimas opcións
Hai acordo sobre as porcentaxes de representación na coordinadora estatal
Sumar pasa nesta asemblea constituínte de ser o soporte dunha coalición electoral a converterse en partido case un ano despois do seu lanzamento. Yolanda Díaz resérvase para o acto de clausura, cando o apoio da militancia sexa xa unha evidencia. Pola mañá quedou claro que Sumar aspira a ocupar o espazo que lle correspondeu hai anos a Podemos.
"Cando xa parecía que estaba todo feito, lembrarédesvos, cando as dereitas e as extremas dereitas no noso país xa daban a súa vitoria por feita, foi a mobilización e foi tamén a emerxencia e a aparición de Sumar o que permitiu que España hoxe poida dicirlle a Europa: si, a alternativa progresista nas nosas sociedades é posible", dixo o voceiro da formación, Ernest Urtasun, na xornada matinal.
O repartimento nos órganos de direccións era un dos principais problemas, pero a denominada solución 70-30 calmou o malestar. É dicir, o 70 % dos representantes serán elixidos por consenso por todas as formacións que integran Sumar e o 30 % restante a posteriori polas organizacións territoriais.
"Para participar deste proxecto, e isto queremos dicilo alto e claro esta mañá, xamais se lle pediu a ninguén que carné tiña, xamais se lle preguntou a ninguén de onde viña", lembrou Urtasun.
Forzas como Compromís, a Chunta Aragonesista ou Més per Mallorca, que foron na coalición electoral con Sumar, non se integran agora na formación de Yolanda Díaz, pero si participan nesta asemblea.