Diaz delega na voceira parlamentaria de Sumar a xuntanza con Feijóo
Diaz delega na voceira parlamentaria de Sumar a xuntanza con Feijóo
Reitera a Feijóo que "a súa investidura está condenada ao fracaso" e que "o único goberno posible é unha coalición do PSOE e Sumar
Gamarra asegura que Yolanda Díaz non asista a xuntanza e un problema interno de Sumar
Sumar envioulle unha carta ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, en que mostra a súa disposición para reunirse co candidato á investidura, confirma que enviará a súa voceira parlamentaria, Marta Lois, e pídelle que retire os recursos de inconstitucionalidade contra o real decreto lei para a reforma laboral e contra a lei para a igualdade real e efectiva da persoas trans.
Antes de que se produza a reunión, á que non acudirá Yolanda Díaz, Sumar trasladou estas esixencias a Feijóo nunha carta na que sinala que se o líder dos populares "ten vontade de chegar a acordos debe empezar por respectar os pactos sociais vixentes importantísimos como a reforma laboral que demostrou a súa eficacia e conta coa lexitimidade do acordo entre os axentes sociais".
Ademais, reitera a Feijóo que "a súa investidura está condenada ao fracaso" e que "o único goberno posible é unha coalición do PSOE e Sumar, que avance na axenda social e territorial".
Tamén lle reprocha que estea a propoñer o diálogo coas forzas democráticas para chegar a acordos, "ao mesmo tempo que mantén gobernos autonómicos con Vox, unha forza política que nega a violencia machista e a crise climática, e quere prohibir formacións políticas democráticas".
En opinión de Sumar, esta é "unha posición errática que reforza a soidade do PP". "Non se pode querer dialogar con todos e pactar sempre con quen quere prohibir partidos políticos democráticos".
O PSOE di que non especula con amnistías
No PSOE tamén dan por perdida a investidura de Feijóo e por iso xa negocian cos partidos cataláns. Din que o fan con discreción e recoñecen que, polo momento, non hai acordo. Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, asegura que os socialistas non van "especular sobre amnistías ou sobre ningunha cuestión que poida estar, ou non, enriba da mesa". "Veremos como avanzan as conversas e veremos sobre que estamos conversando pero, de momento, mantémonos no noso: política, Constitución e entendemento", asegurou nunha entrevista en RNE.
Pero a Diada achégase e os círculos independentistas redobran a presión sobre ERC e Junts. A Asemblea Nacional Catalá mándalles un recado aos dous partidos no vídeo de promoción da manifestación que convocan para o próximo once de setembro: "pactar con quen nos reprime e nos espía non pode ser o camiño". Instan a "non esquecer o seu obxectivo: a independencia que xa votaron o 1 de outubro" e animan os dous partidos a "bloquear as Cortes".
O PP atribúe a negativa de Díaz a reunirse con Feijóo a un veto da súa propia formación
A dirixente popular Cuca Gamarra dixo que lle parece un "exercicio moi pouco democrático por parte de quen se di máxima representante de Sumar" e opinou que esa decisión responde máis "a que posiblemente Yolanda Díaz non representa a todos os partidos que conforman ese conglomerado" de formacións.
Tras insistir na súa tese de que se debe "máis a un veto interno do resto de partidos", ironizou ao sinalar: "A estas alturas coñecemos bastante ben todos a Yolanda Díaz e gústalle máis un momento de gloria que renunciar a el".
En opinión de Gamarra, a decisión da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social en funcións "pode vir do problema interno de Sumar, onde as tensións xa senten antes nin tan sequera de que afrontase a investidura".
"Co cal, imaxínese o que pode ser esa alternativa que expón Pedro Sánchez, onde non só depende duns que están fóra do marco constitucional, senón que, ademais, quen di que quere formar con el unha coalición evidentemente non é capaz nin de representar a ese grupo de partidos", sentenciou.