Telefónica gana un 78 % máis ata marzo e confirma un dividendo de 30 céntimos en 2024
Telefónica gana un 78 % máis ata marzo e confirma un dividendo de 30 céntimos en 2024
A multinacional española obtivo no primeiro trimestre do ano un beneficio neto de 532 millóns de euros
Telefónica obtivo no primeiro trimestre do ano un beneficio neto de 532 millóns de euros, un 78,9 % máis que no mesmo período do ano pasado, empuxada polos seus activos en Reino Unido e por un crecemento de ingresos dun 0,9 % e confirma o seu dividendo de 30 céntimos para 2024.
Segundo os resultados do primeiro trimestre do ano que publicou na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), Telefónica, cuxo principal accionista é a Sociedade Estatal de Participacións Industriais SEPI e que encara a entrada dun actor no mercado (Masorange) que lle arrebatou o liderado en clientes, ingresou 10.140 millóns ata marzo, un 0,9 % máis.
Os seus resultados víronse afectados polos seus activos no Reino Unido, onde ten o 50 % de VMO2, que este ano rexistrou un resultado positivo de 45 millóns, fronte aos 188 negativos do mesmo trimestre do ano 2023
Acordo con Digi
Doutra banda, a multinacional española anunciou que espera alcanzar un acordo con Digi "nas próximas semanas" para a rede móbil a longo prazo, tras asinar ambas as dúas partes un Memorando de Entendemento (MOU) non vinculante.
Ata o de agora Digi operaba sobre a rede de Telefónica, pero coa creación de Masorange abriuse a porta a que o operador romanés cambiase de provedor por mor das condicións impostas pola Comisión Europea para a fusión Orange MásMóvil, que obrigaba esta última a compartir a súa rede con outros operadores.