Tensión nas bancadas do Anxo Carro noutro novo empate do Lugo como local
Tensión nas bancadas do Anxo Carro noutro novo empate do Lugo como local
A piques estiveron de lograr o primeiro triunfo deste 2023, pero Iván Gil empatou no 85
Señé e Alberto marcaron os goles do equipo galego
O Lugo segue sen gañar neste 2023. Era o obxectivo que se marcaba para o partido ante o Andorra, unha vez consumado o descenso. Estivo en dúas ocasións por diante no marcador, pero non o deu logrado (2-2). O partido estivo marcado pola tensión que houbo nas bancadas, cos afeccionados amosando o seu malestar coa situación vivida ao longo da temporada cos xogadores e pola xestión do club.
Ben cedo chegou o primeiro tanto do partido marcado por Josep Señé (minuto 7). Pouco durou a alegría, porque aos trece minutos Bover anotaba o gol do empate. Máis propicio se poñía o partido cando aos 27 minutos era expulsado o visitante Altimira.
O segundo tempo principiou coa expulsión do local Calavera, co que se igualou o número de xogadores. Aos 77 minutos, o central canario Alberto marcaba o segundo para o Lugo e deixaba o triunfo moi preto da casa. Pero no 85 Iván Gil puxo o empate a dous definitivo.