Tere Abelleira deleita o público de Riazor cun golazo maxistral
Tere Abelleira deleita o público de Riazor cun golazo maxistral
España gañoulle a Bélxica por 2-0 no último partido da fase de clasificación para a Eurocopa
A selección española feminina de fútbol pechou a súa participación na fase de grupos da clasificación para a Euro'25 cun claro triunfo contra Bélxica (2-0) á que someteu desde o inicio do encontro demostrando que a derrota ante a República Checa non foi máis ca un accidente.
No derradeiro ensaio antes dos Xogos Olímpicos, Montse Tomé esqueceuse das probas. Apostou por un once moi recoñecible e o seu equipo provocou que as belgas apenas puidesen saír do seu campo. O gol da mellor xogadora do mundo, Aitana Bonmatí, foi o froito recollido a unha boa semente futbolística.
No segundo tempo entrou a pontevedresa Tere Abelleira, que volvía ao que foi o seu campo durante varias temporadas. E deixou o detalle do partido cun gol desde 35 metros que ergueu a todo o público das bancadas.
2 España: Cata Coll; Ona Batlle, Laia Codina (Redondo, min 71), Aleixandri, Olga Carmona; Aitana, Patri, Alexia (Jenni Hermoso, min 88); Eva Navarro (Oihane, min 60), Athenea (Teresa Abelleira, min 71) e Lucía García (Mariona, min 71).
0 Bélxica: Licht-fus; Cayman, Tysiak, Kees, Deloose (Janssen, min 62); Missipo, Delacauw, Vanhaevermaet (de Caigny, min 84); Janssens (Blom, min 72), Dhont (Wijnants, min 60) e Wullaert (Detruyer, min 72).
Goles: 1-0 Aitana, min 37; 2-0 Teresa Abelleira, min 90.