Teresa Ribera asegura que a pesca debe "convivir" coa eólica mariña
Teresa Ribera asegura que a pesca debe "convivir" coa eólica mariña
A ministra de Transición Ecolóxica amósase "sorprendida" coas críticas e sinala que tanto a Xunta coma o sector estaban informados
"Eu lamento que pidan a retirada do plan e a miña dimisión", asegurou Ribera no Bos días
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, amósase "sorprendida" pola petición de explicacións ao Goberno por parte da Xunta en relación ao plan de ordenación do Espazo Mariño aprobado polo Consello de Ministros que contempla a instalación de parques eólicos mariños en cinco zonas da costa galega.
Nunha entrevista no Bos días, Ribera lamentou as críticas do sector pesqueiro por "falta de diálogo". Sinala que mantivo ata "dez conversas" coa Xunta, dixo que unha das máis extensas tivo lugar en novembro no seu despacho e a ela acudiron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente económico, Francisco Conde, e explicou que mantivo xuntanzas coas Confrarías de Pescadores para informarlles do plan.
Ribera entende a preocupación da frota galega, pero afima que "os sectores tradicionais como o da pesca non poden reclamar que non se permita a entrada de sectores novos" que, ao seu xuízo, "achegan grandes cousas para o emprego, para o desenvolvmeento industrial e a innovación" e que se converten "nunha oportunidade de ouro para Galicia".
Ribera critica o traslado da sede social de Ferrovial
Na entrevista, a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, tachou de "pouco acertada" a decisión de Ferrovial de trasladar a súa sede social aos Países Baixos. Para Ribera, estamos ante unha "decisión con vontade política" do presidente da construtora, Rafael del Pino.
Teresa Ribera agradece a reacción "inmediata e contudente" adoptada polo Partido Socialista polo caso Mediador. Respecta a decisión do PP de pedir explicacións por este caso, pero pídelle a mesma "axilidade" cos casos de corrupción que afectan o Partido Popular.
"Está ben que o PP pide explicacións, pero se Feijóo quere demostrar que é un demócrata honesto que loita contra a corrupción, debería mirar que ocorre na súa casa e tomar as decisións pertinentes e coa mesma axilidade que o Partido Socialista".