Teresa Ribera descarta ampliar os prazos para tramitar os proxectos eólicos
Teresa Ribera descarta ampliar os prazos para tramitar os proxectos eólicos
"É imposible prorrogar ese prazo do 25 de xaneiro porque está atrasando outros proxectos", di a ministra de Transición Ecolóxica
Ribera di que se estudará a ampliación da subestación de Vigo tendo en conta os informes da Xunta
Ribera móstrase estrañada polo recurso da Xunta ante o canon estatal en portos
O futuro enerxético está nas fontes sostibles medioambientais; unha das principais en Galicia é a eólica, ata agora a terrestre. Aínda que sexa de xeito experimental, tamén no horizonte figuran as plataformas de enerxía eólica mariña, as plataformas offshore. Hai achegamento neste asunto entre o Goberno central e o Goberno galego.
Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica e reto demográfico, estivo esta mañá na entrevista do Bos días para falar deste asunto e tamén doutros temas de interese para Galicia do seu departamento.
Comezou a entrevista falando de como se pode equilibrar a necesidade de xeración de enerxía renovable no mar e o impacto ao ecosistema e á actividade económica. Asegura a ministra para a Transición Ecolóxica que o fixeron con moito coidado: "Nun proceso participativo que mesmo nos levou a que a Comisión Europea nos rifase por ir con atraso. Integramos todas as variables e todas as preocupacións de transporte marítimo, de pesca, por suposto, as preocupacións desde costa e as preocupacións ambientais, para que non entren en conflicto con protección de aves ou protección de especies mariñas".
Avanza Teresa Ribera que agora están rematando: "a avaliación ambiental dos plans de ordenación de espazos marítimos, que introduce melloras respecto do plan que xa lles presentou o secretario xeral de Pesca ás confrarías e ao resto dos sectores; confiamos en telo aprobado antes de fin de ano e, a partir de aí, iremos sacando a concurso cada un dos polígonos".
"Os parques eólicos mariños non se van situar onde cada promotor pense que lle vén mellor"
"Os parques eólicos mariños non se van situar onde cada promotor pense que lle vén mellor, ou que será máis eficiente desde o punto de vista de produción enerxética, senón onde xa sabemos de antemán que se dan as condicións para protexer todos os intereses, para que non entren en conflicto e dando total seguridade, sobre todo, aos pescadores, que tantas veces mostraron a súa inquietude ao respecto", explicou a Ministra.
"O presidente da Xunta confirmoume o outro día que eles compartían este criterio e falamos tamén, algo que considero enormemente acertado, de facer un pequeno polígono de ensaio destas plataformas marítimas 'offshore'. Traballaremos rápido para telas canto antes e coñecer de primeira man as características concretas".
Ribera di que non considera ampliar os prazos para tramitar proxectos eólicos
Este achegamento entre os dous gobernos non é igual respecto dos parques eólicos en terra. Teresa Ribera aclarou que quería trasladar a mesma preocupación que lle fixo ao presidente da Xunta. "El pediume prorrogar o que xa case foi ano e medio de tramitación destes proxectos. Creo que hai que integrar todas as garantías ambientais e sociais, e os proxectos merecen ser informados e motivados de fondo, non só dicir si ou non. É imposible prorrogar ese prazo do 24 de xaneiro, e a verdade é que observamos que a Xunta vai con certo atraso".
"Preocúpanos, porque calquera promotor debe poder operar con todas as garantías. Especialmente porque algúns proxectos afectan a proxectos industriais nos que se estivo traballando moito, como o caso de Alcoa, no que eu me impliquei persoalmente, e onde chegamos a un acordo o mes de decembro do ano pasado. Porén, ata a semana pasada a Xunta non enviou a súa declaración de interese en relación con estes proxectos".
Teresa Ribera engadiu que quería tamén enviar unha mensaxe de tranquilidade: "No que quedamos co Presidente e o vicepresidente é en que actuarían coma maior dilixencia posible".
"Non consideramos a posibilidade de prorrogar algo que de facto está bloqueando toda a capacidade de evacuación nas redes e que ademais dá unha sensación de falta de confort por parte dos investidores e promotores".
Plan de reciclaxe dos refugallos das novas tecnoloxías
Teresa Ribera dixo que hoxe precisamente se publican no BOE as bases da convocatoria de axudas vinculadas ao plan de recuperación de España para poder recuperar as pas dos parques eólicos máis antigos. "Para que sexan xestionadas adecuadamente, recuperando os seus materiais e reciclándoas. A reciclaxe é fundamental e hai que estar preparados para darlles unha segunda vida aos materiais".
Ampliación da subestación de Vigo: "Trasladeille ao presidente da Xunta que é moi conveniente que canto antes fagan chegar as estimacións das súas necesidades"
Sobre a posible ampliación da subestación de Vigo para darlle máis potencia a Stellantis, Ribera dixo: "É coloquial dicir 'Ribera accede', como titularon algúns medios de comunicación". A ministra aclarou: "O que Ribera fixo foi trasladar a normativa vixente, que modificamos, porque sentimos que debemos acelerar a transición enerxética e iso implica tamén reforzar as nosas redes de transporte e de distribución de electricidade".
"O que lle trasladei ao presidente da Xunta é que é moi conveniente que canto antes fagan chegar as estimacións das súas necesidades para reforzar eses puntos de evacuación e de funcionamento da rede de transporte para podelos evaluar como faremos co resto das propostas, atendendo á demanda, atendendo á xeración de novas oportunidades de industria e emprego. Sobre esta base resolveremos sabendo que é fundamental utilizar unha parte deses fondos europeos para facilitar ir máis alá do que a lei nos permitiría, que sería investir ata un 1 % do PIB nesa modernización das redes eléctricas".
Engade Ribera que acordaron: "A Xunta vainos enviar as súas propostas nas próximas semanas para telas en consideración nesa reavaliación permanente dos plans de investimento na rede eléctrica, e se ten sentido que haxa un investimento adicional en Vigo farémolo adecuadamente. Pero non se trata de que acceda ni de ningún tipo de presión, nin que me convencera de nada extraordinario".
"Este asunto das taxas aos portos pilloume por sorpresa na prensa local. Se é un malentendido estaremos encantados de aclaralo", di Ribera
Sobre a taxa ao portos instalados en terreos gañados ao mar, di Ribera que é unha información que atopou esta mañá na prensa local e descoñece de que taxa se está falando. Dicía isto a ministra en relación ao recurso contencioso-administrativo contra a Orde do seu Ministerio que establece un novo canon que afecta ás concesións que ocupan os terreos portuarios. "O Ministerio vela pola correcta protección do dominio público martítimo-terrestre e pola aplicación das normas, incluídas as taxas que corresponden cando hai instalacións nese territorio, pero faino en relación ao dominio público terrestre, pero non con relación a outros espazos que poidan ser colindantes".
"Non se poden transferir as competencias dos portos sen modificar o Estatuto de Autonomía"
"Disto tamén falamos co presidente da Xunta; el defende que haxa unha transferencia de competencias sen modificación do Estatuto de Autonomía, e os nosos servizos xurídicos din que non é posible".
Volve insistir Ribera: "O asunto das taxas e os canons píllame por sorpresa, eu non sei, se hai algún tipo de malentendido estaremos encantados de aclaralo. Pero é moi sorprendente porque é raro que haxa ninguén que queira aplicar taxas e canons en espazos que non lle corresponde tutelar nin xestionar. Descoñezo este suposto".
Nas próximas semanas o Goberno acabará de tomar as decisións respecto ás bonificacións para 2023, di Teresa Ribera
Sobre a bonificación dos 20 céntimos nos combustibles, dixo Ribera que están "avaliando as medidas que son máis eficaces". Explica que aplicaron os 20 céntimos lineais polos altos prezos do combustible pero que xa cara a finais do verán foron "precisando as proteccións para quen máis o precisa", e buscaron tamén solucións para os "usuarios do transporte público" e que nas próximas semanas o equipo de goberno "acabará de tomar as decisións respecto de 2023".
Os pequenos concellos terán axudas para os proxectos de eficiencia enerxética
Teresa Ribera explica que o presuposto para axudas para proxectos de eficiencia enerxéticas para os concellos pequenos alcanza máis de 600 millóns, nesta partida, "contamos cunha financiación específica que nos permite reducir de forma moi importante o capítulo dous de gasto e calquera entidade municipal pequena. Reduce de forma drástica a factura enerxética nos municipios"
O próximo 22 de novembro irá ao Consello de Ministros os anteproxectos de lei de axentes forestais e de bombeiros forestais
Dixo Ribera que outro asunto clave e determinante, de apoio ao territorio interior, aos concellos rurais, que tamén tivo oportunidade de comentar "brevemente" co presidente da Xunta, e é "que ía cumprir" o seu compromiso "cos axentes medioambientais e os bombeiros forestais e levar o próximo 22 de novembro ao Consello de Ministros os anteproxectos de lei de axentes forestais e de bombeiros forestais; asegurar que haxa unhas condicións laborais e de profesionalidade equivalentes en todo o territorio".
A coalición de Goberno esta unida por "uns principios que orientan a acción de Goberno para todo o mandato"
"O Goberno da nación é moi solvente, que ensaiou por primeira vez unha coalición moi potente, na que nos une esos principios que orientan a acción de Goberno para todo o mandato e estamos traballando todos os días"