Publicador de contidos
Publicador de contidos

TikTok retoma o servizo nos EUA tras o anuncio de Trump de aprazar o veto

TikTok retoma o servizo nos EUA tras o anuncio de Trump de aprazar o veto

O presidente electo anunciou que lle vai outorgar unha prórroga á plataforma para que siga operando

A rede social deixou de funcionar antes de entrar en vigor o veto que a obrigaba a desvincularse de ByteDance

G24.gal 19/01/2025 19:09 Última actualización 19/01/2025 20:35

TikTok anunciou este domingo que vai restaurar o seu servizo nos Estados Unidos tras o anuncio de Donald Trump de outorgarlle unha prórroga para que poida seguir operando. 

A plataforma considera, nun comunicado, que o mandatario electo ofreceu garantías aos seus provedores.

"TikTok atópase en proceso de restablecer o servizo. Agradecemos ao presidente Trump por brindarlles a claridade e a seguridade necesarias aos nosos provedores de servizos de que non se nfrontarán a sancións ao ofrecer TikTok a máis de 170 millóns de estadounidenses", dixo a plataforma nun comunicado.

Segundo engade, traballarán co futuro presidente nunha solución a longo prazo que permita o seu funcionamento nos Estados Unidos.

TikTok deixou de operar este sábado no país despois de que o Tribunal Supremo avalara o venres unha lei aprobada o ano pasado polo Congreso, que obrigaba a plataforma a desvincularse da súa empresa matriz, a chinesa ByteDance, se quería continuar activa.

A decisión de TikTok aplicouse unha hora e media antes de entrar en vigor a lei, prevista para as 00:01 do domingo, hora do leste dos Estados Unidos.

Segundo o Goberno de Joe Biden, TikTok tomou esta decisión por iniciativa propia. Tras a decisión do Supremo, a Casa Branca anunciou que o actual executivo non aplicaría a lei e que o seu cumprimento quedaría en mans de Donald Trump, que asumirá a presidencia este luns.

Orde executiva o luns

Trump asegurou este domingo que emitirá unha orde executiva no seu primeiro día no cargo para permitir de forma temporal que TikTok continúe operando e engadiu que lle gustaría que os Estados Unidos asumiran unha propiedade parcial.

"Gustaríame que os EUA tivesen unha participación do 50 % nunha empresa conxunta. Ao facer isto, salvamos TikTok, mantémolo en boas mans e permitímoslle seguir crecendo. Sen a aprobación de Estados Unidos, non hai TikTok. Coa nosa aprobación, vale centos de miles de millóns de dólares, talvez billóns", escribiu na súa rede social, Truth Social.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade