O temporal Louis deixa refachos de 155 km/h e todo o litoral en alerta laranxa
O temporal Louis deixa refachos de 155 km/h e todo o litoral en alerta laranxa
Aemet prevé mar combinado con ondas de ata 8 metros e vento de forza 8 e ata 74 quilómetros por hora
O transporte de ría entre Vigo e Moaña modifica os seus horarios polo temporal
A cota de neve podería caer ata os 600 metros
O temporal Louis entrou en Galicia coa intención de bater marcas coma xa fixera hai unhas semanas Karlotta. Ao longo desta xornada está a deixar refachos de 155 km/h na provincia de Lugo e mantén o aviso laranxa en todo o litoral galego por ondas e vento.
Louis deixou en Penedo do Galo o maior refacho de vento xamais anotado dende que Meteogalicia ten rexistros. Esta mañá, sobre as 10, un refacho de 154 quilómetros por hora correu pola serra do Xistral, e unha hora máis tarde, era superado por outro de 155 en Penedo do Galo. En Cedeira alcanzáronse os 131 quilómetros por hora, e en Carballeda, os 119.
Coa chegada da borrasca toda a frota de Burela e de Celeiro está amarrada a porto.
O transporte de ría entre Vigo e Moaña modifica os seus horarios polo temporal
No sur de Galicia a borrasca Louis está a deixar vento, chuvia e unha situación especialmente complicada no mar. Segundo informaron as navieiras Nabia e Mar de Ons, concesionarias do transporte de viaxeiros na ría de Vigo, os horarios dos barcos entre Vigo e Moaña están a sufrir variacións por mor do temporal. As frecuencias habituais, establecidas cada media hora entre ambos os dous destinos, modifícanse por saídas cada hora desde estes peiraos.
En concreto, segundo datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o temporal Louis deixará mar combinado con ondas de ata 8 metros e ventos de forza 8 e ata 74 quilómetros por hora.
E así seguirá mañá, porque a situación empeora e o nivel de aviso sobe a vermello.
Parques pechados na Coruña
Debido ao vento e ás condicións meteorolóxicas adversas, o Concello da Coruña procedeu ao peche dos parques da cidade.
O consistorio herculino pediulle á cidadanía que manteña a precaución e siga as indicacións de Policía, Bombeiros e Protección Civil.
Aviso de neve nas zonas altas
Louis tamén afecta ao interior da comunidade. Deixarase sentir especialmente nas zonas de montaña, onde ademais do vento, se agardan precipitacións de neve. A cota podería baixar ata situarse nos 600 metros de altura xa ao longo desta xornada.
O venres será no litoral norte onde as precipitacións teñan maior incidencia, incluso coa posibilidade de pedrazo. A partir das 12 da noite hai aviso amarelo na costa da Coruña e Lugo por refachos que poden superar os 80 quilómetros por hora. E ademais traerán frío, porque o vento cambia a noroeste.
A partir do venres ao mediodía hai aviso laranxa no mar en todo o litoral e desde as tres da tarde irá subindo a vermello, primeiro na costa da Coruña e logo na da Mariña. Nesas condicións, o espectáculo das ondas é especialmente atractivo, pero tamén perigoso, polo que é preciso manterse a certa distancia das zonas de rompente.