Todo listo para o derradeiro adeus a Isabel II: o funeral de Estado hora a hora
Todo listo para o derradeiro adeus a Isabel II: o funeral de Estado hora a hora
É o maior evento que coordinou o Ministerio de Exteriores británico en tempos modernos
Despregouse un dispositivo de seguridade comparable ao dos Xogos Olímpicos de 2012
As exequias poderán seguirse pola TVG nun programa especial que comeza ás 11:40 horas
Londres dálle o último adeus á raíña Isabel II nun funeral de Estado que se prevé como un dos eventos máis multitudinarios que viviu este país nas últimas décadas.
O centro da capital británica cortou numerosas rúas ao público e hai unha visible presenza policial en case calquera recuncho. Todo está listo para a histórica cerimonia que se vai celebrar na Abadía de Westminster.
Está previsto que máis de 500 personalidades da esfera política mundial asistan ao evento, o maior coordinado polo Ministerio de Exteriores británico en tempos modernos. De feito, despregou un dispositivo de seguridade comparable ao dos Xogos Olímpicos de 2012.
É o primeiro funeral de Estado que se oficia no século XXI no Reino Unido, que non viviu cerimonias similares desde a morte de Xurxo VI, en 1952, e a do primeiro ministro Winston Churchill, en 1965.
Unhas 125 salas de cinema emitirán o evento e tamén as canles de televisión Sky News, ITV e a BBC para as persoas que sigan o funeral desde os seus fogares. A TVG emite un programa especial a partir das 11:40 horas.
Programa das exequias hora a hora
-7:30
Pecha a capela ardente de Isabel II no palacio de Westminster, instalada desde o mércores, pola que pasaron centos de miles de persoas para darlle o seu derradeiro adeus á soberana.
-9:00
As portas da abadía de Westminster abren para a chegada das personalidades ao servizo fúnebre, que comezará tres horas despois.
O presidente dos Estados Unidos Joe Biden e cabezas de monarquías de todo o mundo, incluídos Filipe VI e Letizia, estarán presentes na cerimonia. Tamén asistirán os reis eméritos.
-11:35
O féretro da raíña depositarase sobre un carro de canón de artillería e abandonará Westminster Hall a partir das 10:44, hora local. Membros da Mariña Real encargaranse de transportalo en procesión dende a sede do Parlamento ata a contigua abadía de Westminster.
O novo rei Carlos III e os seus tres irmáns —Ana, André e Eduardo— mais os seus fillos os príncipes Guillerme e Henrique camiñarán tras os restos mortais da soberana.
-12:00
Ante uns 2.000 convidados, comeza a cerimonia relixiosa na abadía, o mesmo lugar onde Isabel II foi coroada raíña en 1953. O último funeral de Estado por un monarca británico que se celebrou no templo londiniense foi en 1760, tras a morte de Xurxo II.
Desde aquela, as cerimonias fúnebres leváronse a cabo na capela de San Xurxo, no castelo de Windsor. O deán de Westminster David Hoyle oficiará o funeral, e o arcebispo de Canterbury Justin Welby dará un sermón. A primeira ministra británica Liz Truss lerá un texto relixioso.
-12:55
Unha chamada de corneta marcará o comezo de dous minutos de silencio, que se respectarán en todo o Reino Unido.
O aeroporto de Heathrow paralizará as engalaxes e aterraxes minutos antes para garantir un rigoroso silencio na capital británica.
O himno nacional e unha peza de lamento interpretada polo gaiteiro oficial de Isabel II poñerán fin ao servizo fúnebre ao mediodía.
-13:15
O féretro sairá en cortexo fúnebre desde a abadía cara ao arco de Wellington, na esquina sueste de Hyde Park.
O Big Ben, a soada campá da torre do palacio de Westminster, repenicará a intervalos dun minuto durante a procesión.
A Real Policía Montada do Canadá encabezará a marcha, na que tamén desfilarán membros das forzas armadas do Reino Unido e países da Commonwealth, representantes da policía británica e do servizo de saúde pública (NHS).
Carlos III camiñará xunto con outros membros da familia real, mentres que a raíña consorte Camila, a princesa de Gales Catarina e a duquesa de Sussex Meghan seguirán o cortexo en coche.
-14:00
No arco de Wellington, os restos da soberana transferiranse a un coche fúnebre para facer a súa derradeira viaxe cara ao castelo de Windsor, uns 35 quilómetros ao oeste de Londres.
-16:00
O féretro chega ás inmediacións do castelo, onde viviron 40 monarcas de xeito ininterrompido durante case mil anos. Unha procesión a pé percorrerá os cinco quilómetros do Long Walk, a característica avenida arborizada que desemboca na residencia real.
-17:00
Os restos de Isabel II entran na capela de San Xurxo do castelo, lugar habitual de bautizos, vodas e funerais reais. Nos últimos anos, acolleu o enlace entre o príncipe Henrique e Meghane e o funeral do príncipe Filipe, esposo da raíña.
Unhas 800 persoas convidadas asistirán a unha cerimonia oficiada polo deán de Windsor David Coney. A Coroa do Estado Imperial, o orbe e o cetro reais retiraranse do féretro, separando por última vez a Isabel II dos símbolos do seu reinado.
O cadaleito descenderá cara á cripta real da capela, onde tamén están soterrados os restos do seu esposo, falecido en 2021 con 99 anos.
O gaiteiro oficial de Windsor interpretará un himno elixido persoalmente por Isabel II e a cerimonia concluirá coa entoación do "Deus salve o rei", ao redor das 17:45.
-20:30
Isabel II será enterrada xunto ao príncipe Filipe nunha cerimonia privada á que asistirán membros da familia real. A laxe de mármore da súa sepultura quedará gravada coas palabras: "Elizabeth II 1926-2022".