Todo o tráfico da A-6 volve circular polo centro de Pedrafita
Todo o tráfico da A-6 volve circular polo centro de Pedrafita
O Goberno mantén a ruta polo Barco de Valdeorras, pero este desvío será voluntario e só no caso de que a neve obrigue a pechar a estrada de Pedrafita
O desvío provisional a saída do túnel só o usarán os turismos que circulen dirección Madrid
Camións e peóns volven a convivir no centro urbano de Pedrafita. "Os da vila queixaranse porque hai máis tráfico, pero para nós é mellor vir por aquí", di un camioneiro.
Hai satisfacción entre o sector porque era o que levaban tempo reclamando. Non querían circular polo desvío que se habilitou á saída da poboación tras a caída do viaduto.
"Falta facía que nos escoitaran o desvío era un abuso, intransitable", asegura un camioneiro, outro engade: "Nesa curva, de cada catro ou cinco camións que pasaban, a un rebentáballe o cambio".
Con este traxecto non se libran das subidas, teñen unha na entrada da poboación, pero non lle ven problema. "Non, porque é recto", asegura un camioneiro.
Nas próximas horas o sector reunirase coa Delegación do Goberno para aclarar por onde terán que circular en caso de neve. O sector insiste en que non queren ir polo Barco de Valdeorras. "Iso non é viable", así o ve un das que a usan con frecuencia.
Transportes manterá esa ruta alternativa pero só no caso de que a neve obrigue a pechar a estrada de Pedrafita. "Sinalar que isto é algo voluntario, ao mellor entenderon que era obrigatorio pero non é así, os transportistas poderán elixir se ir por ese desvío ou embolsarse", dixo o delegado do Goberno, José Miñones.
O desvío provisional á saída do túnel da A-6 seguirano usando os turismos que se dirixan a Madrid. Pero de momento segue pechado.