Torra leva a España ao Tribunal de Estrasburgo pola espionaxe con Pegasus
Na demanda alega que el mesmo foi unha das vítimas cando era presidente da Generalitat
O expresidente da Generalitat de Cataluña Quim Torra levou por primeira vez a España ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) polo uso do programa Pegasus para espiar políticos, nunha demanda en que alega que el mesmo foi unha das vítimas cando era presidente da Generalitat.
Torra e o exdiputado de Junts Josep Costa anunciaron a presentación de senllas demandas ante o TEDH, ao que piden que condene a España por vulnerar os seus dereitos fundamentais.
Torra mostrouse indignado de que ese feito "non tivese ningunha repercusión política", pese ao contexto en que tiveron lugar as infeccións: en plena pandemia e cando xa estaba próxima a súa inhabilitación por desobediencia.
"Queremos comunicarlles que tanto o vicepresidente Josep Costa como eu mesmo presentamos a primeira demanda contra España ante o Tribunal de Estrasburgo pola espionaxe política con Pegasus", explicou Torra este xoves nunha rolda de prensa na sede do Col·legi de Periodistes de Cataluña xunto a Costa e ao investigador de Citizen Lab, Elies Campo.
"Somos conscientes que dentro do Estado español as nosas posibilidades son, se non moi limitadas, practicamente nulas, porque coñecemos perfectamente que, sendo membros dun grupo obxectivamente identificable como son os independentistas cataláns, pois as nosas demandas dificilmente nunca serán atendidas", dixo Torra, quen celebrou que o caso chegase ao tribunal europeo.