Traballo a contra reloxo para ter todo listo para o Arde Lucus
Traballo a contra reloxo para ter todo listo para o Arde Lucus
As asociacións de recreación histórica queren impresionar nesta XX Edición
Hai previstas máis de 300 actividades entre xoves e domingo
O Arde Lucus chega á súa vixésima edición e as asociacións e grupos que o protagonizan queren que sexa especial, por iso, levan semanas traballando arreo para que todo saia perfecto. Nas poucas horas que faltan para o comezo, toca rematar os últimos detalles que fan desta festa unha das máis especiais de Galicia e cun coidado rigor histórico.
"Na fin de semana montamos as grandes estruturas e agora estamos cos retoques para ter todo listo", di Camilo Rodríguez, da asociación Tir Na´Nog.
"Unha cousa é a festa e outra a recreación histórica. Temos que ser moi rigorosos", engade Enrique Alcorta, da asociación Terra Cópora.
Para este Arde Lucus hai previstas máis de 300 actividades polas rúas de Lugo. Regresan os postos de comida e está programada unha competición do xogo romano da palestra, así como as tradicionais batallas entre as lexións e os castrexos. Os lugueses queren dar a mellor das impresións os milleiros de visitantes que se agardan por iso, este ano o esforzo é doble.
"Estamos a tope de traballo. E o Arde Lucus dá faena todo o ano", conta Carlos Real, do Senado do Arde Lucus.
"Facemos un labor divulgativo. Estamos na zona cero do Arde Lucus e por aquí pasa todo o mundo", comenta Quintus Finicius, da Cohors III Lucensium.
Como é habitual, a entrada das lexións romanas pola ponte vella dará comezo oficial a este Arde Lucus 2024.