Traballo retíralle a Medalla ao Mérito ao exbanqueiro Julio Fernández Gayoso
Traballo retíralle a Medalla ao Mérito ao exbanqueiro Julio Fernández Gayoso
O Consello de Ministros tamén acordou retirarlle este recoñecemento ao empresario Gerardo Díaz Ferrán
O Consello de Ministros aprobou este martes, á proposta do Ministerio de Traballo, retirarlle a Medalla ao Mérito no Traballo ao expresidente de Caixanova e de NovaCaixaGalicia Julio Fernández Gayoso que lle fora concedida no ano 2006.
Fernández Gayoso foi condenado por cobrar indebidamente indemnizacións por prexubilacións na cúpula de NovaCaixaGalicia, "o que contradí o principio de exemplaridade que require o galardón", segundo apunta o departamento que dirixe Yolanda Díaz.
Este mesmo recoñecemento tamén lle foi retirado ao expresidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) Gerardo Díaz Ferrán, a quen lle fora concedida a Medalla do Mérito no Traballo en 1999.
Díaz Ferrán foi condenado en 2015 por un delito de alzamento de bens, concurso fraudulento, integración en grupo criminal e branqueo de capitais a cinco anos e seis meses de cárcere.
O Ministerio de Traballo lembrou nun comunicado que esta condecoración se concede "en mérito dunha conduta socialmente útil e exemplar no desempeño dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo, habitualmente exercido".
Fernández Gayoso, xa nonaxenario, chegou a ingresar no cárcere da Lama para cumprir a condena de dous anos como cooperador nos delitos de apropiación indebida e administración desleal, e saíu en liberdade en agosto de 2017 logo de cumprir seis meses de prisión e cando tiña naquel momento 85 anos.
Antes desa condena, Julio Fernández Gayoso devolvera en 2023 a medalla de ouro do Concello de Vigo ao saberse que o pleno municipal ía tratar a súa retirada. En 2016 tamén renunciou ao Honoris causa da Universidade de Vigo, que tamén estudaba a súa retirada.