Traballo volve reunir patronal e sindicatos para acordar a redución da xornada laboral
Traballo volve reunir patronal e sindicatos para acordar a redución da xornada laboral
Os empresarios non semellan dispostos a presentar ningunha proposta, tal e como lle demandou o Goberno
Yolanda Díaz aféalle á CEOE a súa postura e advirte que se aprobará con ou sen a patronal
Este luns remata o prazo que o Ministerio de Traballo lle deu á patronal para que presente as súas propostas para reducir a xornada laboral. A reunión será ás catro da tarde, pero o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, leva xa días dicindo que "non teñen que contestar con nada" ante o que consideran "un monólogo" do Goberno que vai arruinar moitas pequenas empresas.
Horas antes do encontro, a ministra de Traballo volveu afearlle á patronal a súa postura. Yolanda Díaz considera "moi grave" que non poñan un documento enriba da mesa. "As mesas de diálogo social teñen que ser respectadas, isto é tamén lealdade institucional", dixo a tamén vicepresidenta segunda do Goberno.
Así as cousas, o acordo a tres bandas semella imposible. Os sindicatos cren que "sería moi bo" pero a estas horas, non son optimistas. Por esta razón, puxan por pechar o acordo sen a firma dos empresarios. Segundo Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, a patronal pretende "demorar sine die unha negociación para ver se pasa o verán, se encalla un pouco máis a situación política". Para o líder sindical, "isto xa non é de recibo e esta negociación hai que resolvela nos próximos días".
Na mesma liña está Yolanda Díaz. Di que a redución da xornada laboral sairá adiante con ou sen os empresarios.