Tráfico intensifica os controis a motoristas para evitar accidentes mortais
Tráfico intensifica os controis a motoristas para evitar accidentes mortais
No que vai de ano faleceron catro motoristas nas estradas galegas
De cada dez motoristas falecidos sete morreron en accidentes de tráficos na fin de semana
Coa chegada do bo tempo, aumenta significativamente o número de motos na estrada. No que levamos de ano xa morreron catro motoristas en Galicia.
Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, nos últimos dez anos perderon a vida nas estradas galegas 80 motoristas. No que levamos deste ano, en toda España perderon a vida en accidentes de tráfico 361 persoas, das que 71 eran motoristas, catro deles en estradas galegas.
Estes accidentes mortais en moto prodúcense maioritariamente na fin de semana, especialmente nas de bo tempo. Segundo a DXT, sete de cada dez motoristas falecían na estrada durante a fin de semana.
Tráfico intensifica os controis especificamente destinados a motoristas sobre todo durante sábados, domingos e días festivos. As vías convencionais son as que rexistran maior número de accidentes e, precisamente, aí é onde a DXT está intensificando os controis ata finais do verán.
Tráfico pide a motoristas, ciclistas e peóns en particular que extremen a prudencia nas estradas xa que son os máis vulnerables, aínda que tamén se lanza a mesma mensaxe para os condutores en xeral porque moitos destes accidentes mortais nos que se ven implicados os motoristas están provocados por turismos.