Publicador de contidos
Publicador de contidos

Transportes adxudica por 111,7 millóns as obras da intermodal de Ourense

Transportes adxudica por 111,7 millóns as obras da intermodal de Ourense

A ampliación e remodelación triplicará o espazo para viaxeiros e dotará á estación de 11 vías

A ampliación e a cobertura parcial das vías vaise facer de forma simultánea e manterase o tráfico ferroviario e o servizo da estación durante os traballos

Proxecto de remodelación da intermodal de Ourense (Miniserio de Transportes e Mobilidade Sostible) Proxecto de remodelación da intermodal de Ourense (Miniserio de Transportes e Mobilidade Sostible)
G24.gal 01/02/2024 10:06

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible (Mitma) adxudicou por 111,7 millóns de euros, a través de Adif Alta Velocidade (Adif AV), as obras de ampliación e remodelación da nova estación intermodal de Ourense.

Será a unión temporal de empresas (UTE) integrada por Copasa, Constructora San José e Syneox Rail a encargada de realizar os traballos, que teñen por obxectivo triplicar o espazo para viaxeiros das instalacións e dotar á estación de 11 vías, tres delas de alta velocidade, que se cubrirán parcialmente.

"O proxecto promove a integración e permeabilidade do ferrocarril na cidade e xera novo espazo para os cidadáns, coa cobertura parcial das vías e a construción dunha nova pasarela peonil. Ademais, preserva e pon en valor o edificio da estación e os seus elementos históricos, como os murais do vestíbulo", reivindicou o Goberno nun comunicado.

Transportes subliñou que esta actuación supón un "gran desafío técnico", xa que a ampliación e a cobertura parcial das vías vaise facer de forma simultánea e manterase o tráfico ferroviario e o servizo da estación durante a remodelación.

A estación de Ourense triplicará a superficie do seu edificio de viaxeiros (1.340 m2) coa remodelación do vestíbulo, potenciando a iluminación natural e reabrindo as xanelas da fachada, e a construción dunha nova sala de embarque, acristalada e con vistas á praia de vías, sobre as antigas plataformas 1 e 2.

Esta sala de embarque comunicará cun novo paso elevado, cuberto e accesible (con ascensores e escaleiras fixas e mecánicas), que facilita o acceso á zona de vías e plataformas, que será reordenada.

Tamén se remodelarán os accesos da estación: despregarase unha marquesiña de grande altura na entrada principal e cubertas modulares máis baixas no resto da praza de acceso. Ademais, impulsarase a súa integración urbana mediante accesos peonís e de tráfico rodado e a conexión con transportes de última milla.

O proxecto de Ourense enmárcase no convenio subscrito entre Mitma, Adif AV, a Xunta de Galicia e o Concello da cidade, que une estación ferroviaria e terminal de autobuses nun mesmo ámbito. Esta actuación poderá ser cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade