Pasa a disposición xudicial o acusado de provocar un incendio nunha casa da Pobra do Caramiñal
Pasa a disposición xudicial o acusado de provocar un incendio nunha casa da Pobra do Caramiñal
A Garda Civil segue coas pescudas do caso que se trata como violencia de xénero
Trasladado desde as dependencias da Garda Civil, minutos antes das once da mañá chegaba aos xulgados de Ribeira o único detido como presunto autor do incendio rexistrado no inmoble da Mirandela.
Canda os trámites do xulgado, a Garda Civil segue coas pescudas dun caso que se trata como violencia de xénero.
O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones só dixo que "no momento do suceso sempre está a investigación e ata que non teñamos pechada a investigación non damos ningunha información".
De momento, o que transcendeu desa investigación apunta a que o incendio foi provocado.
Os bombeiros encontraron no baixo material incendiario e ata nove bombonas de butano en diferentes estancias. Cando chegaron, o detido estaba fóra e a súa dona, con problemas de mobilidade, na cama.
Avisounos a propietaria do inmoble, que vive no piso de arriba e que lles dixo aos axentes que non era a primeira vez que tiña problemas co detido, un home de 68 anos.
Con todo, á Policía Local da Pobra non lle consta ningún expediente ao respecto. Si saben que Asuntos Sociais do Concello estaba a realizar un seguimento do caso da parella.