Trasladan aos fogares os talleres de Entroido para evitar contaxios
Trasladan aos fogares os talleres de Entroido para evitar contaxios
Antonio Sousa, veciño de Sande (Cartelle), elabora no seu salón as máscaras das bonitas
Confían en poder celebrar o Entroido aínda que se supriman os actos máis masificados
Aínda coa dúbida de como será o Entroido deste ano, hai que estar preparados para cando chegue o momento. Os de Cartelle traballan na elaboración das máscaras das bonitas, iso si, fano nas súas casas para evitar contaxios.
Entre as mans experimentadas de Antonio, as facianas das Bonitas van collendo forma. Desta vez ocúpase el dos novos encargos. No salón da súa casa, sobre a mesa do comedor, un obradoiro "para conviventes". Confía en que o Entroido si se poida celebrar.
"Estamos facendo 11 ou 12 traxes máis, debe haber uns 60 e pico xa. A xente está animada a poñelos, así que a ver como evoluciona. Pero eu penso que si que vai haber Entroido", explica Antonio Sousa, un dos responsables da recuperación do entroido tradicional de Sande.
No Entroido de Sande hai oso, hai vaca e hai avutardas. Pero as Bonitas son o personaxe central, cos seus mantóns traídos orixinalmente de Manila polos emigrantes, e que as facían tan bonitas como o nome indica.
"E na man leva as luvas e unha vara de vimbio coa que apartaba a xente para que fixeran sitio", engade Antonio.
Futuro
Este Entroido tradicional sobreviviu á guerra pero non á ditadura. Recuperárono hai vinte anos e vai a máis en cada nova edición.
"Hai aí para facerlle a 3 ou 4 nenos, que é o importante, que haxa relevo xeracional", conclúe Antonio.